Banner XIV premio de narracion curta concello de curtis

Caínzos avanza a boa predisposición da Xerencia de Atención Primaria para reforzar os servizos sanitarios do municipio

  • O alcalde de Curtis manterá en breve unha reunión co Conselleiro de Sanidade, ao que trasladará a urxencia de aumentar medios e persoal.

centros saudeO alcalde de Curtis saíu con boas perspectivas da reunión que mantivo esta semana coa Xerencia de Atención Primaria para reclamar que se reforcen os centros de saúde do municipio, que necesitan máis persoal e medios. “Pola súa banda houbo moi boa predisposición para atender as nosas demandas, pero agora se deberá concretar”, sostivo Javier Caínzos.

O rexedor trasladoulle a preocupación do Goberno local pola carga asistencial dos centros de saúde de con 1.800 cidadáns maiores de 14 anos asignados ao centro de Curtis e 1.600 ao de Teixeiro. O 30% de usuarios superan os 65 anos, polo que existe un alto número de pacientes aos que hai que asistir no seu domicilio.

Á demanda dos veciños e veciñas súmase a atención aos máis de 500 operarios que están a traballar actualmente nas obras das empresas que se están instalando no Polígono de Teixeiro. “En canto se vaian os obreiros virán os traballadores e é importante non obviar que estamos a falar de que se van a crear máis de 800 novos postos de traballo, polo que urxe prever unha solución canto antes e reforzar o persoal dos centros médicos”, afirmou Caínzos.

O alcalde, que tamén trasladou as peticións dos equipos médicos do municipio, cos que está en permanente contacto, quere reunirse agora co conselleiro de Sanidade.

O Goberno local de Curtis leva xa tempo en contacto cos responsables autonómicos da Xunta porque reforzar os servizos sanitarios é unha das demandas máis urxentes do municipio.

En la web www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso Mas información.