banner cultura 2019 1

O Concello conxela por sexto ano consecutivo os impostos e taxas municipais e asume a subida da auga e depuración para que non repercuta nos veciños

  • O Goberno local aprobará o día 21 en Pleno os orzamentos de 2019, que soben un 3,27% ao situarse nos 4.558.549 euros.
  • Manterá ademais as bonificacións máximas do IBI ás explotacións gandeiras e agrícolas, así como as do ICIO para axudar ás empresas.

servizosO Goberno local de Curtis seguirá nos orzamentos de 2019 a senda iniciada no ano 2013 co fin de non gravar máis as economías familiares, polo que conxelará, por sexto ano consecutivo, as taxas e impostos municipais, entre eles, o servizo de recollida de lixos, o de axuda no fogar, as instalacións deportivas e as actividades municipais, así como a venda ambulante e mercados.

Igualmente, volverá asumir o Concello curtiense a subida do IPC do servizo de auga e da depuración para evitar que repercuta no recibo dos veciños.

A conxelación impositiva irá ao Pleno de Orzamentos que se convocou para o vindeiro venres, día 21, no que se dará luz verde a unhas contas que ascenden a 4.558.549,70 euros, o que supón un aumento orzamentario do 3,27% respecto ao ano 2018, que foi de 4.414.373 euros. O proxecto orzamentario axústase á regra de gasto e mantén o equilibrio orzamentario.

O Goberno de Javier Caínzos tamén aposta para o 2019 por manter as bonificacións máximas do IBI ás explotacións gandeiras e agrícolas e ás familias numerosas, aprobadas ambas as en 2016. Ademais, mantén as bonificacións no imposto do ICIO sobre a construción, instalacións e obras, co fin de incentivar a instalación de empresas no municipio.

Incrementar os servizos básicos

O alcalde de Curtis considera que a situación saneada das contas municipais, con débeda cero desde o ano 2014, as boas perspectivas económicas locais, coa enorme dinamización que suporá a instalación de novas empresas e industrias, e as políticas de contención de gastos permitirán non só manter senón incrementar os servizos básicos e aumentar a atención social e os investimentos previstos.

En la web www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso Mas información.