Numeracion Curtis logos

Medio Rural e o Concello de Curtis colaborarán na recuperación e posta en valor das terras agrarias do municipio

  • O conselleiro José González reuniuse hoxe co alcalde da localidade, Javier Caínzos, para avanzar nesta cooperación.

Jose GonzalezO conselleiro do Medio Rural, José González, reuniuse hoxe en San Caetano co alcalde de Curtis, Javier Caínzos, para avanzar na mobilización e posta en valor de terras neste concello coruñés.

Na xuntanza de traballo, na que tamén participou o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, falouse da necesidade de orientar os usos do solo rústico, potenciando o seu aproveitamento agrogandeiro. O rexedor municipal puxo de manifesto que ese é o obxectivo que procura no seu concello e o conselleiro sinalou que coincide co que el pretende para Galicia no seu conxunto.

Todo isto está relacionado coa elaboración dun catálogo de terreos de alta produtividade agraria en Galicia e dun mapa de usos do solo. Ambas son recomendacións incluídas no ditame da Comisión parlamentaria sobre política forestal e loita contra os incendios e son aspectos nos que a Xunta está a traballar.

No encontro houbo tamén unha coincidencia sobre a oportunidade de impulsar e potenciar a actividade agrogandeira xa existente nesta comarca coruñesa con proxectos de mobilización de terras que faciliten o acceso dos gandeiros á terra próxima ás súas explotacións.

José González salientou que este tipo de propostas por parte do concello de Curtis coinciden cunha das liñas estratéxicas de actuación da Xunta para mobilizar terras infrautilizadas, reducindo o abandono e aumentando a base territorial das explotacións.

O conselleiro comprometeuse a estudar máis polo miúdo a proposta do alcalde e a avaliar o posible apoio do seu departamento a unha medida que podería encaixar nos proxectos piloto previstos por Medio Rural para mobilizar terras en diferentes puntos de Galicia. Ademais, José González lembrou que a Xunta está a traballar en melloras lexislativas neste eido, coa vista posta na recuperación e posta en valor das terras agrarias.

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.