Numeracion Curtis logos

Luz verde á ampliación de Losán en Curtis e á urbanización de todo o polígono onde está situada

  • A actuación da madeireira, que investirá 1,5 millóns de euros, dinamizará o núcleo urbano e impulsará a economía e a creación de postos de traballo.

Zona actuacionO Concello de Curtis aprobou de maneira inicial o proxecto de Urbanización do Polígono 1 do Sector de Chan Urbanizable (SUD 3), na parroquia de Lurdes, onde está situada a madeireira Losán, que suporá a urbanización da totalidade do polígono e que permitirá a ampliación da empresa. Con esta actuación dinamizarase o núcleo urbano de Curtis, pero tamén o resto do municipio ao impulsar a economía e a creación de postos de traballo.

Tras esta aprobación inicial e a súa publicación no BOP, o pasado 14 de febreiro, ábrese agora un prazo dun mes para que se someta a exposición pública co fin de que se presenten as alegacións que se consideren oportunas. Poderá consultarse nas dependencias da Casa do Concello en Teixeiro.

O proxecto presentado, no que a madeireira investirá 1,5 millóns de euros, establece unha tipoloxía de edificación pouco agresiva coa contorna ao situarse nunha zona de transición entre a área industrial e a natural, e contempla a instalación de barreiras protectoras vexetais xa que se sitúa preto dos usos residenciais.

A urbanización desenvolverase en dúas etapas nun prazo de dous anos. Na primeira fase actuarase na parcela da industria xa existente, e nunha segunda, sobre o resto das parcelas do polígono, xunto coas destinadas ao sistema viario e ás infraestruturas.

Co desenvolvemento urbanístico do Plan Parcial e a execución das obras de urbanización, se levará a cabo a apertura dun novo viario para dar acceso ao Polígono desde a C-3201, que mellorará a accesibilidade da zona.

O desenvolvemento do SUD 3 realízase a través da iniciativa privada mediante un sistema de compensación.

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.