Numeracion Curtis logos

Trece alcaldes do PP e do PSOE da Coruña e Lugo únense en Curtis para reivindicar os servizos do rural

  • Reclaman que se manteñan os xulgados de paz e os rexistros civís, que corren o risco de pecharse a partir de xullo de 2020.

Concetracion Curtis10/04/2019.- Trece alcaldes do PP e do PSOE de concellos da provincia da Coruña e de Lugo sumáronse onte ao chamamento que se lanzou desde o Concello de Curtis para reclamar que se manteñan uns servizos próximos á cidadanía no medio rural. Este chamamento xorde tras a ameaza de peche dos xulgados de paz e dos rexistros civís do rural a partir de xullo de 2020 coa aplicación da Lei 20/2011.

Á concentración acudiron os alcaldes de Curtis, Abegondo, Aranga, Boimorto, Coirós, Frades, Irixoa, Toques, Mesía, Vilasantar e Sobrado, da provincia da Coruña, e Outeiro de Rei e Palas de Rei, de Lugo. Ademais, acudiron traballadores dos xulgados e rexistros.

No manifesto, denominado 'Plataforma galega de concellos rurais' e que leu a secretaria do xulgado de paz de Curtis, Mª Carmen Mahía, pediuse que se manteñan os xulgados de paz e rexistros como servizos próximos e gratuítos, e instouse ás administracións a que aborden o tema do baleirado do rural, "como un Asunto de Estado". Sostívose, ademais, que os maiores desequilibrios non son os que se dan entre unhas rexións e outras, senón entre as cidades e a España litoral coas zonas despobladas da España Rural do Interior.

"Porque esta loita por conseguir unha vida digna na zona rural, en igualdade de condicións que nas zonas urbanas, con capacidade para asentar e aumentar poboación, pasa por proporcionar e garantir servizos adecuados e próximos aos veciños. Non podemos ser eternamente os territorios máis desfavorecidos, hai que esixir que as cousas cambien", reclamouse.

Púxose como exemplo da falta de coñecemento da realidade do rural o peche do xulgado de paz e o rexistro civil de Curtis a pesar do alto número de tramitacións que executan, máis de 4.000 expedientes nos últimos anos."O prexuízo sería moi grave xa que para realizar xestións como inscricións de nacemento, matrimonio e defunción, actos de conciliación e fes de vida, entre outras, que agora se fan no municipio, habería que trasladarse a máis de 25 quilómetros, ou a Betanzos, ou a Coruña, mesmo a unha oficina privada coa obrigación de pagar polo trámite. E os veciños quedariamos sen xulgado de paz, que atende reclamacións civís, actos de conciliación e actúa en labores de apoio e auxilio xudicial, entre outras moitas funcións", aclarouse.

No manifesto instouse a crear as condicións para que as zonas do interior sexan atractivas para vivir. "Para iso, é básico crear plataformas rurais cun plan Integral de medidas urxentes e transversais", reclamouse.

  • Manifesto 'Plataforma galega de concellos rurais'  pdf

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.