banner narracion curta XIV

Curtis seguirá adoptando as medidas e obras necesarias para que a auga chegue aos veciños coa calidade óptima para o consumo

As choivas deste outono e inverno están a afectar á calidade da auga dos ríos (Mandeo e Carballido) onde se realizan as captacións para o abastecimento de auga potable ao Concello de Curtis, en boa medida producido por arrastres de sedimentos e materia orgánica das dúas concas hidrográficas.

Desde o Concello instouse reiteradamente á empresa que xestiona este servizo público (Espina y Delfín) a que extreme as precaucións co obxectivo de que a auga chegue nas condicións óptimas aos veciños e veciñas.

Tal e como o Alcalde informou nun dos últimos plenos ordinarios, adoptaranse as medidas e obras necesarias insistindo en que “é unha prioridade do goberno local que a calidade da auga que chegue á billa de cada usuario sexa da calidade óptima e apta para o consumo”.

De igual forma, o Concello de Curtis está a redactar dous proxectos para levar a cabo actuacións que van supor unha mellora e aproveitamento substancial do servizo na ETAP sita no polígono industrial e a rede que ten a captación no Mandeo (investimento previsto de case 2 millóns de €). Neste ano xa se realizou nesta captación un investimento con fondos locais de case 100.000 € para acondicionar o azud e os equipos de bombeo. Á súa vez, técnicos expertos na materia están a revisar o funcionamento da outra ETAP, situada no Lugar da Ratona, por se fose necesario realizar melloras tanto nas instalacións como na rede.

En relación ás demandas veciñais, unha vez que estas chegan ao Concello ou a algún membro do goberno local dáselles traslado inmediatamente á empresa concesionaria do servizo municipal de auga (Espina y Delfín) para a atención e subsanación da súa totalidade.

“Desde o equipo de goberno do Concello de Curtis estamos sempre dispoñibles para dar resposta de forma urxente a estes asuntos que son prioritarios para a cidadanía”,   ao mesmo tempo que “solicitamos colaboración veciñal para cando sexa necesario trasládennos as pertinentes demandas”, trasladou o Alcalde da localidade, Javier Caínzos.

 

auga

En la web www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso Mas información.