banner narracion curta XIV

O CIM de Curtis aumentou nun 21% o número de usuarias en 2019

O Centro de Información á Muller do Concello de Curtis vén de presentar a súa memoria anual de actividades de 2019, coas que reforza o servizo de información, apoio e asesoramento xurídico e psicolóxico que diariamente ofrece ás mulleres na súa oficiña, situada no edificio consistorial.

As súas cifras de asistencia vense incrementadas ano tras ano. No 2019 foron 152 mulleres as atendidas polo servizo, o cal supón un aumento dun 21% con respecto ó ano 2018.

En 2019 o CIM seguiu traballando arreo na sensibilización contra a violencia de xénero e na consecución dunha conciliación laboral e familiar real, seguindo a vontade do Concello de acadar unha igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

Un pilar fundamental foi o desenvolvemento do IV Plan de Igualdade, que contou cunha ampla participación social, e que impulsou medidas concretas contra a precariedade laboral das mulleres e a lacra da violencia de xénero, priorizando a súa denuncia e concienciando da dimensión deste problema na nosa sociedade.

Destaca tamén o programa “Coidadoras”, en colaboración coa Fundación Mulleres. O obxectivo deste proxecto é mellorar a calidade de vida das mulleres que se ocupan de persoas dependentes, minimizando os problemas derivados das tarefas do coidado.

 

Xornadas e obradoiros

Ó longo de 2019 o CIM impartiu ducias de obradoiros e xornadas formativas: coaching para fomentar o empoderamento femenino, orientación laboral para vítimas de violencia de xénero, alfabetización dixital, fotografía, primeiros auxilios, control de estrés, defensa persoal, terapia ocupacional con animais…

Un amplo abanico de actividades pensadas para mellorar as capacidades das mulleres e reforzar a súa seguridade e autoestima.

Conciliación

O Concello de Curtis, fundamentalmente a través do CIM, está a realizar un gran esforzo por axudar ós veciños e veciñas a conciliar familia e traballo no seu día a día.

Así o demostra co seu servizo de madrugadores e recollida tardía nas escolas, e coa organización de campamentos en verán e Nadal, pensados para evitar que as vacacións dos nenos e nenas supoñan un problema de conciliación para nais os pais.

 

logo n cim

En la web www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso Mas información.