Numeracion Curtis logos

A Xunta porá en marcha en Curtis un proxecto piloto de polígono agrario dunhas 3.400 hectáreas

O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo este mediodía un encontro cun grupo de gandeiros de Curtis -acompañado polo alcalde, Javier Caínzos- para comezar a poñer en marcha un proxecto piloto de polígono agrario dunhas 3.400 hectáreas que permitirá dotar de máis base territorial as explotacións deste concello coruñés. A iniciativa enmárcase nas máis de 5.000 hectáreas que a Xunta mobilizará este 2020 con figuras como os polígonos agroforestais ou as aldeas modelo, unha superficie que se incrementará co avance do ano.

O conselleiro destacou ante os gandeiros de Curtis que con este proxecto piloto de polígono se promoverá “dun xeito totalmente novidoso unha nova ordenación dos usos agrícola, gandeiro e forestal”, de forma coordinada co sector e co concello. Así, por unha banda buscarase dotar de máis base territorial as explotacións da contorna, e por outra “ser capaces de atopar zonas nas que se poidan facer polígonos de forraxes ou de pasto para o uso en común”, sen esquecerse do aproveitamento forestal para “sacarlle a máxima rendibilidade posible ao territorio nos tres usos”.

O titular de Medio Rural lembrou que esta figura de mobilización é totalmente voluntaria e que require da “participación tanto dos propietarios como dos gandeiros”. A Consellería, pola súa parte, facilitará a mediación para as compravendas e arrendamentos coa finalidade de devolver á produción as parcelas abandonadas. José González salientou que esta iniciativa pioneira se enmarca nos instrumentos que contempla a futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria que permitirá mobilizar 10.000 hectáreas cada ano en toda Galicia.

Apoio da Xunta

O conselleiro do Medio Rural tamén acudiu á feira do municipio coruñés, onde destacou a importancia de poñer en valor o papel dos mercados locais e de proximidade na comercialización dos produtos agroalimentarios, así como no impulso á venda de gando de calidade, especialmente nunha bisbarra como a de Curtis, de clara vocación produtiva vinculada ao vacún de leite, remarcou.

José González lembrou que precisamente para potenciar estes mercados a Xunta vén de sacar unha liña de axudas específica, destinada aos concellos galegos para que rehabiliten ou reformen estas instalacións. Esta é a primeira vez que se convocan este tipo de axudas en beneficio das entidades locais.

Por outra banda, José González lembrou neste acto que aínda está aberto o prazo para solicitar axudas, por parte dos concellos, para a realización de poxas de gando bovino selecto. Advertiu que “con estas achegas pioneiras poñemos en valor o feito de que a reposición nas explotacións bovinas debe realizarse con animais que cumpran con todas as garantías sanitarias e que, ademais, aporten unha mellora xenética do gando da explotación a uns prezos razoables”.

O conselleiro sinalou tamén que estas poxas de gando bovino selecto son eventos que teñen como obxectivo facilitar o mercado de animais, xa que permiten a súa compravenda sen intermediarios e con total transparencia nunha relación directa entre o comprador e o vendedor. Ademais, engadiu que a venda de animais selectos supón unha fonte de ingresos adicionais para os gandeiros e gandeiras, constituíndo un nicho de mercado para moitas explotacións que posúen excedentes, propagando e difundindo o progreso xenético acadado ao resto da poboación.

José González explicou que a través destas axudas preténdese fomentar a celebración dunha rede de poxas de gando selecto a realizar en diferentes puntos da xeografía galega. O que se persegue e que teñan unha periodicidade acorde á oferta de animais, para que exista unha distribución ordenada ao longo do ano e onde os posibles vendedores e compradores poidan atopar unha vía de comercialización segura e fiable para canalizar a oferta e demanda de gando selecto.

WhatsApp Image 2020 03 09 at 2.04.49 PM

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.