O IES de Curtis acolle desde o día 27 a mostra ‘Cartas de amor’ contra a violencia de xénero
- Esta exposición quere facer reflexionar aos adolescentes sobre as distintas formas de violencia para que as detecten e as modifiquen.
O IES de Curtis acollerá desde o día 27 de novembro ao 4 de decembro a exposición ‘Cartas de Amor’, unha mostra de cómic galego sobre violencia de xénero coa que se pretende facer reflexionar aos alumnos a alumnas do centro sobre as distintas formas de violencia que, ás veces de forma inconsciente, se dan na vida diaria.
A Secretaria Xeral de Igualdade, promotora do cómic, propúxellle a debuxantes que plasmasen nunha imaxe situacións ou momentos que considerasen como violentos entre adolescentes (demostracións de ciumes, control sobre a vestimenta da parella, limitación de movementos...) co obxectivo de por de manifesto a necesidade de mudar esas actitudes por outras nas que prime o respecto á parella.
Na mostra participa un elenco destacado de creadores de cómic, incluídos dous premios nacionais: Miguel Calatayud -premio nacional de ilustración- e Paco Roco -premio de cómic-, así como figuras galegas como Patricia Castelao, Pirusca, David Pintor ou Óscar Villán.
Obradoiros co alumnado
Por outra banda, a exposición complementarase coa realización de distintos obradoiros co alumnado de primeiro de bacharelato, que se desenvolverán o 4 de decembro, nos que se traballarán actividades da unidade didáctica propia da mostra.
A iniciativa enmárcase nos actos programados polo Concello e a rede de entidades locais contra a Violencia de Xénero con motivo do 25-N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero.