banner cultura 2019 1

Actividades deportivas

Fútbol / Fútbol Sala


- Liga de Fútbol sala Deporte en Idade Escolar
Participan un total de 6 equipos das Escolas Deportivas de Fútbol Sala nas categorías de prebenxamín, benxamín, alevín e infantil. A competición dura desde o mes de novembro a marzo. No caso de gañar a liga, os equipos ascenderán á fase comarcal de Deporte Escolar, e se a superan, pasan á fase Provincial.

- Liga de Fútbol
Participa o equipo de categoría infantil da Escola Deportiva de Fútbol.

- Copas de Fútbol Sala
A competición organízase nunha única xornada en cada un dos municipios participantes: Curtis, Miño, Monfero, Aranga, Irixoa, Vilasantar, Sobrado, Cabanas, Coirós e Betanzos. O obxectivo é promocionar e fomentar o deporte na zona Lambre-Mandeo.

- Liga Fútbol sala interconcellos
A través desta Liga preténdense desenvolver as categorías base: prebenxamín, benxamín, alevín, infantil e cadete. Os encontros, que se organizan de abril a xuño, organízanse nos pavillóns municipais dos concellos implicados: Curtis, Arzúa, O Pino, Melide, Boimorto, Toques, Touro e Ordes. A fase final rota cada ano entre os concellos participantes.

- Outros torneos de fútbol
- Torneo base Cidade de Lugo.
- Torneo base Internacional de Luarca.
- Torneo base de Betanzos.

Campus de fútbol

Neste Campus, que se desenvolve no mes de xullo nas instalacións deportivas municipais, os participantes aprenden a técnica e a táctica do fútbol á vez que realizan outras actividades de aventura e lecer. Cada categoría de fútbol participa unha semana, en horario de 10.00 horas a 18.00 horas, e inclúese o transporte e a comida diaria.

Cursos de natación e pádel


Os veciños poden inscribirse nestes cursos, que se imparten durante os meses de xullo e agosto nas instalacións de Curtis e Teixeiro.

Patinaxe


- Xornadas de patinaxe
Co obxectivo de fomentar este deporte entre os máis pequenos, os nenos da Escola Deportiva Municipal de Patinaxe participan durante un día en varias probas de circuíto, de carreiras e figuras, xunto aos municipios de Miño, Monfero, Aranga, Irixoa, Vilasantar, Sobrado, Cabanas, Coirós e Betanzos.

- Patinaxe sobre xeo
Cada ano, aproveitando os días de vacacións en Nadal, o concello pecha un acordo coas pistas de xeo de A Coruña para que poidan practicar os nenos do municipio. Asisten sempre acompañados dos monitores municipais.

Día da Bicicleta


Esta actividade organízase con carácter anual o último sábado do mes de xullo. Pensada para que participen veciños de todas as idades, inclúe dous itinerarios, un que parte desde Curtis e outro desde Teixeiro, cunha meta común que é a igrexa de San Roque de Xabriño. Á chegada, sortéanse unha bicicleta de montaña e outros accesorios deportivos.

Ruta pedestre saudable


Nesta ruta a pé percórrese un itinerario de 20 quilómetros. Os participantes saen desde Paradela e finalizan na parroquia de Santaia. Non ten unha data fixa para a súa organización xa que depende da meteoroloxía.

Semana Branca


A actividade, que se adoita organizar no mes de marzo, consiste en desprazarse a unha estación de esquí para practicar este deporte, e inclúe tamén as clases. O desprazamento, que dura entre 4 e 6 días, está pensado para os veciños maiores de idade, aínda que poden ir os menores a condición de que vaian acompañados dun adulto responsable.

Rally Concello de Curtis


Esta competición de alto nivel, puntuable para o Campionato de España de Rallyes de Terra, discorre por pistas do termo municipal ao longo dun circuíto de 261 quilómetros. Nesta carreira colaboran tamén os concellos de Sobrado, Oza-Cesuras e Aranga, así como o Consello Superior de Deportes a través da Real Federación Española de Automobilismo.

Web oficial

Campionato de Strongman


O municipio entrou no circuíto desta nova modalidade deportiva que consiste en competir en probas de forza máxima. A participación é libre e gratuíta.

En la web www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso Mas información.