banner cultura 2019 1

Bono coidado para a atención a domicilio de menores de 12 anos

bonoNormativa

ORDE do 25 de febreiro de 2019 pola que se establecen as axudas económicas ás familias para a atención de nenas e nenos menores de doce anos a través do programa Bono coidado e se convocan para o ano 2019.(DOG nº 214 do 8/3/2019). BS412A

Obxecto

Regular a concesión e convocar axudas económicas ás familias con nenos e nenas menores de doce anos que teñan a súa residencia en Galicia e precisen dun recurso personalizado a domicilio para cubrir necesidades puntuais derivadas da conciliación das obrigas laborais e persoais e as responsabilidades familiares que se produzan entre o 1 de outubro de 2018 e o 30 de novembro de 2019.

Persoas beneficiarias

Pais/nais, titores/as, ou as persoas que teñan en situación de acollemento familiar ou garda preadoptiva nenos/as menores de doce anos residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que se atopen nos supostos seguintes:

  1. Ter unha nena ou un neno nada/o con posterioridade ao 31 de decembro de 2006 cando o servizo para o cal se solicita axuda se recibise no último trimestre do ano 2018, e con posterioridade ao 31 de decembro de 2007 para aqueles que se reciban durante o período subvencionable do ano 2019.
  2. Que a renda da unidade familiar, entendida como a suma da base impoñible xeral e da base impoñible do aforro, non supere os 45.000 € ou os 13.500 € per cápita. Para estes efectos, terase en conta a declaración do IRPF do ano 2017.
  3. Cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Tipo de axuda

Consistirá nunha achega para contribuír ao pagamento do importe de servizos de atención á infancia a domicilio e/ou de servizos de conciliación autorizados pola Consellería de Política Social para atender necesidades puntuais -ludotecas, espazos infantís ou servizos complementarios de atención á infancia- previstos na sección quinta do capítulo III do Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, nos seguintes supostos convenientemente acreditados:s:

  1. Enfermidade do/a menor e imposibilidade de ser coidado/a polos membros da unidade familiar.
  2. Enfermidade da persoa coidadora habitual.
  3. Asistencia da persoa coidadora habitual a entrevistas de traballo ou cursos de formación.
  4. Situacións puntuais de carácter laboral ou de coidado, tanto do cónxuxe ou parella como de familiares ata o segundo grao de parentesco por consanguinidade ou afinidade, que impidan que os membros da unidade familiar atendan o/a neno/a.

Concederase un máximo de 80 horas por familia para a totalidade do período subvencionado. O número total de horas concedido incrementarase un 15 % por cada fillo/a menor de doce anos a partir do primeiro.

Contía

Estará en función da renda per cápita da unidade familiar, de acordo cos seguintes tramos:

  1. Ata 3.750 euros: 14 €/hora no caso de servizos a domicilio ou o 100 % do importe facturado, cun límite de 5 €/hora para o resto de servizos.
  2. Superior a 3.750 e ata 7.500 euros: 11 €/hora no caso de servizos a domicilio ou o 80 % do importe facturado, cun límite de 4 €/hora para o resto de servizos
  3. Superior a 7.500 e ata 10.000 euros: 9 €/hora no caso de servizos a domicilio ou o 65 % do importe facturado, cun límite de 3,25 €/hora para o resto de servizos
  4. Superior a 10.000 e ata 13.500 euros ou superior dentro dos límites establecidos para poder ser beneficiario: 7 €/hora no caso de servizos a domicilio ou o 50 % do importe facturado, cun límite de 2,5 €/hora para o resto de servizos.

As mulleres vítimas de violencia de xénero recibirán en todo caso a axuda prevista na letra a).

Período subvencionable

Desde o 1 de outubro de 2018 ata o 30 de novembro de 2019.

Renda per cápita

Para os efectos de determinación da contía da axuda, a renda per cápita da unidade familiar computarase segundo as seguintes regras.

a) Entenderase por unidade familiar a formada polos/as cónxuxes non separados/as legalmente e mais a formada por unha soa persoa proxenitora e:

  1. As fillas e os fillos menores, agás que, con consentimento do/a pai/nai, vivan de xeito independente.
  2. As fillas e os fillos maiores de idade con incapacitación xudicial e patria potestade prorrogada ou rehabilitada.
  3. As fillas e os fillos maiores de dezaoito anos cun grao de discapacidade superior ao 33 por cento.
  4. As menores e os menores en situación de acollemento familiar.

b) Tomarase o importe dos ingresos totais da unidade familiar, que será o resultado da adición das rendas de cada un dos seus membros no exercicio 2017, calculadas por agregación da base impoñible xeral coa base impoñible do aforro, segundo os criterios establecidos na normativa do IRPF.

c) O importe anterior dividirase polo número de membros computables da unidade familiar. No caso de familias monoparentais, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a dita unidade familiar. Entenderase por familia monoparental a unidade familiar a que se refire a letra a) cando forme parte dela un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa con quen manteña unha relación análoga á conxugal e sempre que o outro proxenitor ou proxenitora non contribúa economicamente ao seu sustento.

Para as persoas non obrigadas a declarar, as bases impoñibles a que se fai referencia obteranse como resultado de aplicar aos datos existentes na Administración os criterios da lexislación do IRPF.

Documentación

SolicitudeSolicitude | Presentación electrónica na sede

a) Anexo II, relativo á comprobación de datos da persoa cónxuxe ou parella, de ser o caso.

b) Certificado de empadroamento das persoas menores que non dispoñan de DNI.

c) Copia do libro de familia ou, na súa falta, dun documento que acredite oficialmente a situación familiar.

d) Copia da resolución xudicial ou administrativa que declare a adopción ou a garda con fins adoptivos, de ser o caso, cando se trate de adopcións formalizadas por outra comunidade autónoma.

e) Copia da resolución xudicial ou administrativa que declare a situación de tutela, de ser o caso, só cando se trate de tutelas formalizadas por outra comunidade autónoma.

f) Copia da resolución administrativa de acollemento familiar, de ser o caso, cando se trate de acollementos formalizados por outra comunidade autónoma.

g) Documentación acreditativa da monoparentalidade, cando fose expedida por outra comunidade autónoma.

h) Certificado de convivencia e sentenza de separación ou divorcio, convenio regulador ou resolución de medidas paterno-filiais, nos casos de familias formadas por unha soa persoa proxenitora como consecuencia de separación legal, divorcio ou outras situacións análogas.

i) Acreditación da condición de muller vítima de violencia de xénero mediante calquera dos seguintes documentos:

  1. Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, ou testemuño ou copia dela autenticada pola/o secretaria/o xudicial.
  2. - Sentenza de calquera orde xurisdicional que declare que a muller sufriu violencia en calquera das modalidades definidas na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.
  3. Certificación e/ou informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local.
  4. Certificación dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local.
  5. Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia.
  6. Informe da Inspección de Traballo e Seguridade Social.

Lugar de presentación

A través da sede da Xunta de Galicia no enderezo: https://sede.xunta.es

Xefaturas Territoriais da Consellería de Política Social

En calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Prazo

Comezará a partir do día seguinte ao da publicación da orde no DOG e finalizará o día 2 de setembro de 2019 (por ser o 31 de agosto inhábil).

Pagamento

A contía da axuda farase efectiva unha vez que se presente a seguinte documentación:

  1. Solicitude de pagamento (anexo III).
  2. Facturas orixinais (ou documentos de valor probatorio equivalente) dos gastos realizados, onde conste expresamente a identificación (nome e DNI) da persoa que recibe o servizo e o día e hora/s en que se prestou e o nome e NIF da persoa ou empresa que emite a factura e prestou o servizo.
  3. Xustificantes bancarios que acrediten o pagamento da factura. Aceptarase a xustificación do pagamento en efectivo mediante un recibo do/da provedor/a asinado sobre a factura, con indicación do nome e apelidos de quen recibe os fondos e o seu DNI, para gastos inferiores a 1.000 euros.
  4. Xustificación documental da situación puntual que dá dereito á percepción da axuda: xustificante médico de enfermidade do/da neno/a, da persoa coidadora habitual ou do cónxuxe ou parella e de familiares ata o segundo grao de parentesco por consanguinidade ou afinidade; certificado de asistencia a entrevistas de traballo ou cursos de formación; certificado da empresa acreditativo do motivo de carácter laboral que impide o coidado do/da neno/a ou declaración responsable, e documentos de alta censual (modelo 036) e de alta na Seguridade Social para o caso de traballadores/as autónomos/as.

No suposto de se producir algunha variación na renda da unidade familiar ou respecto do declarado no momento de presentación da solicitude, deberáselle comunicar á xefatura territorial da Consellería de Política Social correspondente con carácter inmediato. De non telo achegado coa solicitude, deberase indicar o número da conta corrente onde ingresar a axuda.

Esta documentación deberá ser remitida á xefatura territorial correspondente con data límite do 5 de decembro de 2019.

  • Máis información: Servizos Sociais do Concello de Curtis

Axudas urxentes para evitar os cortes de subministración eléctrica aos consumidores vulnerables severos en risco de exclusión

luzAxudas urxentes de tipo social (Auxs) para evitar os cortes de subministración eléctrica aos consumidores vulnerables severos en risco de exclusión

Normativa

Orde do 21 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas urxentes de tipo social (AUXS) para evitar os cortes de subministración eléctrica aos consumidores vulnerables severos en risco de exclusión social, en réxime de concorrencia non competitiva, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 na Comunidade Autónoma de Galicia. (DOG nº 32 do 14/2/2019) IN414D

Obxecto

Axudar ao pagamento da factura eléctrica aos consumidores vulnerables severos en risco de exclusión social* e, deste xeito, asegurar a este colectivo o acceso continuado á subministración de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia.

Actuacións, gastos subvencionables e contía

Os gastos subvencionables serán o 50 % do importe das facturas de electricidade (calculado segundo o establecido no artigo 12 do Real decreto 897/2017), correspondentes á vivenda habitual do solicitante acollido á tarifa de último recurso (TUR) para consumidor vulnerable severo, que estean pendentes de pagamento e emitidas antes do 30 de novembro de 2019 por unha comercializadora de referencia (COR) que teña asinado un protocolo de colaboración coa Consellería de Economía, Emprego e Industria para evitar os cortes de subministración.

A contía da subvención será unha cantidade fixa máxima por solicitante de 300 €/ano, ou de 450 €/ano no caso de familias numerosas, que se irá pagando segundo a comercializadora remita as correspondentes facturas á Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

Persoas beneficiarias

Persoas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que teñan a consideración de consumidor vulnerable severo en risco de exclusión social. Terán esta consideración aquelas persoas que reúnan os requisitos para ser consumidor vulnerable severo establecidos no artigo 3 do Real decreto 897/2017, do 6 de outubro, cos límites de renda establecidos no punto 4 do citado artigo e, ademais estean en risco de exclusión social. Esta situación deberá estar acreditada mediante certificado ou informe social expedido polos servizos sociais correspondentes. InformeSocial_AUXS.pdf

Requisitos

  1. Ser residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.
  2. Ser o titular do contrato de subministración eléctrica. (Ás persoas en aluguer asístelles o dereito a solicitaren ser titulares das submnistracións da vivenda alugada)
  3. Ter contratada a tarifa de último recurso (TUR) con aplicación do bono social de consumidor vulnerable severo (desconto do 40 %), para o que deberán cumprir os límites de renda establecidos.
  4. Estar en risco de exclusión social, o que será acreditado mediante certificado ou informe social expedido polos servizos sociais.
  5. Non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario, recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións.

Solicitudes e lugar de presentación

Solicitude (anexo II) ,acompañada dos documentos que se especifican no artigo 5 das bases reguladoras.

As solicitudes de axuda cubriranse a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, ou ben desde a ligazón https://axudascortes-subministracion.xunta.gal.

(Para acceder sen certificado electrónico, hai que darse primeiro de alta como novo usuario cubrindo os datos e posteriormente acceder co nome de usuario e contrasinal elexida)

Unha vez validada a solicitude e sempre e cando existan fondos dispoñibles, a aplicación informática reflectirá o estado de «Reservada». O estado de «Reservada» significa que na aplicación se reservou a contía da axuda correspondente para esa solicitude, a expensas da comprobación do cumprimento dos requisitos exixidos na convocatoria.

As solicitudes en estado de «Reservada» disporán dun prazo máximo de cinco (5) días hábiles para a súa presentación. De non presentarse no referido prazo, cancelaranse na aplicación informática e anularase a reserva de fondos.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica. Para a presentación das solicitudes por esta vía poderá empregarse o DNI electrónico ou os certificados dixitais emitidos polas autoridades de certificación Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT) e certificados camerales (Camerfirma).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en soporte papel , no rexistro do concello a que correspondan os servizos sociais comunitarios do domicilio da persoa solicitante, ou en calquera dos lugares ou rexistros establecidos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, utilizando necesariamente o formulario normalizado xerado pola aplicación informática https://axudascortes-subministracion.xunta.gal.

No suposto de que o peticionario non teña capacidade técnica ou económica, ou que por outros motivos non teña garantido o acceso e a dispoñibilidade dos medios tecnolóxicos precisos, a súa identificación ou autenticación poderá ser validamente realizada por empregado público, mediante o uso do sistema de sinatura electrónica de que estea dotado, segundo dispón o artigo 14 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, que regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades de ela dependentes. Para estes efectos, o peticionario poderá dirixirse ás oficinas de calquera das catro xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria, así como á Dirección Xeral de Enerxía e Minas ou ao/á seu/súa traballador/a social de referencia dos servizos sociais comunitarios municipais, para que lle fagan a solicitude.

O/a interesado/a, ou o seu representante, poderá autorizar expresamente os empregados públicos da Consellería de Economía, Emprego e Industria ou os/as traballadores/as sociais de referencia para a presentación electrónica da solicitude e da demais documentación que se debe achegar con ela, así como para a presentación da demais documentación necesaria derivada deste procedemento en canto a emendar ou xuntar os documentos preceptivos e demais documentación complementaria que se considere para o efecto.

Neste suposto, deberá acreditarse a representación expresa (anexo III) para a presentación da solicitude por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna, ou mediante declaración en comparecencia persoal do/da interesado/a perante un/unha funcionario/a da Administración en cuxo rexistro se presente a solicitude

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes. Estes modelos presentaranse a través da aplicación informática, desde https://axudascortes-subministracion.xunta.gal. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalas presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Documentación complementaria

  1. De ser o caso, autorización aos empregados públicos correspondentes para a presentación electrónica da solicitude e da documentación relativa a esta orde de axudas (anexo III). Neste caso, deberá presentarse tamén o anexo II asinado polo solicitante.
  2. Certificado ou Informe Social (AUXS) emitido polos servizos sociais de que o solicitante está en risco de exclusión social (anexo IV), salvo que sexa beneficiario da Risga e non se opoña á consulta.
  3. Documento acreditativo de ser beneficiario do bono social para consumidor vulnerable severo. Poderá acreditarse mediante copia dunha factura en que figure aplicado o desconto do 40 % do bono social para consumidores vulnerables severos.
  4. De ser o caso, título de familia numerosa (só no caso de que o dito título non fose expedido pola Xunta de Galicia).

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente si se indica en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

Prazo

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no DOG e rematará o 30 de novembro de 2019.

  • Máis información: Servizos Sociales Concello de Curtis

En la web www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso Mas información.