banner cultura 2019 1

Axudas extraordinarias a emigrantes galegos retornados

emigracionAxudas extraordinarias a emigrantes galegos/as retornados/as (S.X. Emigración)

Normativa:

Resolución do 6 de marzo de 2017, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas e se procede á súa convocatoria para o ano 2017. (DOG nº 52 do 15/03/2017)

Obxecto:

Concesión de axudas extraordinarias e non periódicas dirixidas a persoas emigrantes galegas retornadas para axudar a facer fronte aos gastos extraordinarios derivados do seu retorno á Comunidade Autónoma de Galicia.

Beneficiarios:

Poderán ser beneficiarias destas subvencións as seguintes persoas, que residindo fóra de España se establezan na Comunidade Autónoma galega:

  1. As persoas galegas e nacidas en Galicia.
  2. Os cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal e os/as fillos/as das persoas galegas e nacidas en Galicia.

As persoas beneficiarias deberán ter a nacionalidade española antes do retorno e ter a súa residencia actual en Galicia.

Requisitos:

  1. Ter residido legalmente no estranxeiro un mínimo de 3 anos ininterrompidos inmediatamente anteriores á data do seu retorno a España.
  2. Non ter transcorrido máis de dous anos entre a data do retorno a España e a data de presentación da solicitude.
  3. Estar empadroada e ter residencia nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia.
    Carecer de rendas ou ingresos suficientes, computándose como tales todo tipo de rendas, mesmo as axudas, públicas ou privadas, de natureza semellante as previstas nesta resolución. Entenderase como rendas ou ingresos suficientes os que non superen, en cómputo global, o IPREM, e relativos á renda per cápita da unidade familiar (1)
  4. Carecer bens patrimoniais suficientes (mobles e/ou inmobles). (2)

Quedan excluídas destas axudas as persoas que resultasen beneficiarias en calquera das tres convocatorias inmediatamente anteriores á presente.

  1. Entenderase como unidade familiar, en todo caso, a integrada pola persoa solicitante, o seu cónxuxe ou parella de feito, non separado legal ou de feito, e parentes por consanguinidade, afinidade ou adopción ata o primeiro grao en liña ascendente e descendente da persoa solicitante, sempre que convivan con ésta. Só se computarán como membros da ud. familiar os que consten no mesmo domicilio segundo os datos do Padrón Municipal ou da certificación municipal de convivencia.
  2. Entenderase como bens mobles suficientes, cando na ud. familiar da persoa solicitante o seu valor supere o límite de 10.000 €, mais 2.000 € adicionais por cada un dos restantes membros; e como bens inmobles suficientes, cando a suma dos seus valores de todas as persoas que integran a ud. familiar, excluída a vivenda habitual, supere o límite de 50.000 €.

Axudas:

Axudas de carácter xenérico: para facer fronte á situación derivada do retorno previstas nesta resolución pagaranse por unha soa vez, e o seu importe establécese en función do número de puntos que se obteñan segundo os criterios recollidos no artigo 5; para os efectos fixarase un valor en euros por unidade de puntuación, o que determinará a contía da axuda.

Co obxecto de protexer a situación daquelas persoas que estean nunha situación de maior vulnerabilidade, a unidade de puntuación terá un valor en euros diferente en función do número de puntos obtidos polas persoas solicitantes, de acordo coas seguintes regras:

  • Unidade de puntuación para aquelas persoas que obteñan de 1 a 5 puntos: 250€ por punto.
  • Unidade de puntuación para aquelas persoas que obteñan máis de 5 puntos: 350 € por punto.

Axuda a sufragar os gastos derivados do retorno: establécese unha axuda de pagamento único que incrementará a contía das axudas anteriores en 150 €, para a persoa beneficiaria procedente de Europa e en 400 €, para a persoa beneficiaria procedente de América e outros países.

Límite das axudas: Cando resulten beneficiarias varias persoas da mesma unidade familiar, a suma das súas axudas non poderá superar a contía de 6.300 €. Neste caso, a contía da axuda será o resultado de dividir a dita contía máxima entre o número de persoas beneficiarias.

Documentación (orixinal ou copia compulsada):

  1. Pasaporte ou documento de identidade en que consten os seus datos persoais para solicitantes que non teñan DNI. No caso de que a persoa solicitante sexa menor de idade ou estea incapacitada, a solicitude farase a nome do menor ou incapaz e será asinada polo seu representante legal. Neste caso deberá acreditarse a representación fidedigna por calquera medio válido en dereito.
  2. Documentos xustificativos do nacemento en Galicia, e no caso de que a persoa solicitante fose cónxuxe, ou persoas con relación análoga á conxugal ou fillos/as dunha persoa galega e nacida en Galicia, documento que acredite o seu vínculo con esta.
  3. Libro de familia completo da persoa solicitante, ou documentación acreditativa dos vínculos de parentesco co resto dos membros da súa unidade familiar, se é o caso. Na súa falta, achegarase certificado de matrimonio, ou certificación do Rexistro de Parellas de Feito, sempre e cando non poida ser expedido pola Xunta de Galicia, así como os certificados de nacemento dos fillos/as da persoa solicitante.En caso de separación legal ou divorcio, ou disolución dunha parella de feito, achegarase a correspondente sentenza xudicial firme ou certificación rexistral.
  4. Certificación municipal de data actual, emitida polo concello galego de residencia da persoa solicitante que acredite a convivencia dos membros da unidade familiar.
  5. Certificado de persoa emigrante retornada, expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno, baixa consular ou calquera outra documentación que acredite fidedignamente a data de retorno a España, así como o tempo de residencia no estranxeiro durante un mínimo de tres anos ininterrompidos inmediatamente anteriores á data do seu retorno a España.
  6. Certificación actualizada de vida laboral expedida pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social da persoa solicitante e dos demais membros da unidade familiar, se é o caso.
  7. Certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos económicos e rendas de calquera tipo correspondente aos dous meses anteriores ao da presentación da solicitude da persoa solicitante e da súa unidade familiar, tal e como se recolle no artigo 4.1.d).
  8. Documentación acreditativa do valor dos bens, mobles ou inmobles da persoa solicitante e da súa unidade familiar, a excepción da vivenda habitual, tal e como se recolle no artigo 4.1.e).
  9. Informe médico actualizado expedido polos servizos públicos de saúde, no caso de alegar enfermidade grave ou moi grave.
  10. Certificado expedido polo órgano competente que acredite o grao de discapacidade ou dependencia, no caso de alegar tal circunstancia, só no caso de que non fosen recoñecidos pola Xunta de Galicia, ou tamén polo Imserso no caso de alegar dependencia.
  11. No caso de alegar ser vítima de violencia de xénero, deberá acreditar tal situación mediante sentenza, orde xudicial de protección, informe do Ministerio Fiscal ou informe socio-ambiental emitido por un organismo oficial.

A Secretaría Xeral da Emigración poderá solicitar dos servizos sociais comunitarios do concello onde teña fixada a residencia o/a solicitante, a emisión dun informe social en que se reflicta a súa situación familiar, sociolaboral e económica co fin de ter un maior e adecuado coñecemento das devanditas situacións. Os servizos sociais poderán remitir este informe xunto coa solicitude e o resto da documentación necesaria para a súa valoración, sen mediar solicitude previa da secretaría xeral, cando a persoa solicitante utilice estes servizos como apoio para a tramitación da axuda.

Prazo de presentación:

Ata o 31 de agosto de 2017, incluído.

Información:

  • Departamento de Servizos Sociais, Concello de Curtis. 981789003

Documento das axudas en PDF: pdf

 

 

En la web www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso Mas información.