Numeracion Curtis logos

O Concello de Curtis impulsará a hostalaría, o comercio e a música tradicional na XIX Exaltación dos Cogomelos de Teixeiro

  • Os días 27 e 28 de outubro organizarase a V Feira do Comercio Local de Teixeiro e as rutas gastronómicas en Curtis e Teixeiro.

XIX cogomelosO municipio de Curtis celebrará un dos seus produtos estrela, o cogomelo e as decenas de variedades que crecen nos seus montes, o último fin de semana deste mes de outubro, os días 27 e 28, na que será xa a XIX Exaltación dos Cogomelos en Teixeiro.

Organizada desde a área de Promoción Económica do Concello, incluirá un ano máis accións de impulso da hostalaría, o comercio e a música popular, ao mesmo tempo que incidirá nos aspectos didácticos con expertos e con saídas ao monte co fin de programar unha oferta variada para os centos de afeccionados á micoloxía e aos amantes da gastronomía relacionada con este produto.

Así, durante ese fin de semana, a vintena de locais de hostalaría de Curtis e Teixeiro que se sumaron á ruta gastronómica ofrecerán a oportunidade de degustar distintas tapas, petiscos e pratos elaborados con cogomelos, desde os máis tradicionais aos máis arriscados. Ademais, os visitantes poderán coñecer o mellor comercio de Teixeiro xa que a Asociación de Comerciantes organizará a súa V Feira Local, para a que instalará unha gran carpa na Praza de España con decenas de expositores.

O sábado será a xornada para as charlas micolóxicas, que se impartirán ás 10.00 horas no salón de plenos do Concello, antes da saída ao monte á procura de cogomelos dirixida por expertos micólogos da Asociación Pan do Raposo, á que están convidadas a participar todas as persoas interesadas.

Pola tarde, ás 20.00 horas, celebrarase o V Dakar Ghaiteiro, e a partir das 22.00 horas, a VIII Ruada de Teixeiro, organizada pola asociación cultural Faragulla en casa Miraz, con distintos grupos de cante e baile tradicionais.

  • Tríptico da XIX Exaltación dos Cogomelos pdf

 

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.