'Aquí Galicia' percorrerá a riqueza patrimonial, natural, económica e gastronómica do municipio de Curtis
- O primeiro programa do 2017 deste magazine da TVG emitirase o sábado, 7, desde Teixeiro e incluirá numerosas actuacións musicais e reportaxes.
O primeiro programa 'Aquí Galicia' do 2017 emitirase este sábado, día 7 de xaneiro, desde a Praza de España, en Teixeiro, a partir das 16.00 horas.
O magazine emitirá varias reportaxes sobre o municipio de Curtis e a súa riqueza patrimonial, artística e natural, sobre os seus principais motores económicos, o polígono industrial e o sector gandeiro-lácteo, e sobre iniciativas que o Goberno local está a desenvolver como a campaña Concello Saudable ou as súas apostas ambientais.
Ademais, o programa fará un percorrido polas propostas gastronómicas elaboradas con produtos típicos do municipio (nabiza, queixo e cogomelos) e achegará ao espectador o labor que desenvolven as Escolas Deportivas Municipais, onde empezou Lucas Vázquez, xogador do Real Madrid que acaba de recibir o título de Embaixador do Concello de Curtis.
'Aquí Galicia' tamén incluirá numerosos directos e actuacións musicais de varios colectivos de municipios da comarca.