III edición da Poxa de Elite de Gando Frisón e xornadas formativas
O municipio de Curtis acollerá os días 16 e 17 de marzo a III edición da Poxa de Elite de Gando Frisón que organiza o Concello, a única deste tipo que se celebra en Galicia para impulsar a calidade xenética das explotacións gandeiras e pór en valor o traballo e o investimento dos titulares.
Xornada Técnica Monográfica sobre o Cultivo do Millo
Como preámbulo a esta poxa, o Concello volve organizar accións formativas para impulsar o sector primario, con ponentes de primeiro nivel. Nesta edición será unha Xornada Técnica Monográfica sobre o Cultivo do Millo, que se celebrará o sábado, 16 de marzo, no Recinto Feiral de Curtis.
A estas xornadas acudirán dous destacados expertos internacionais: Francisco Joaquín Morell Soler, director de agronomía de Du-Pont Pioneer; e co recoñecido consultor Albert Porte-Laborde.
Tanto a colleita como o ensilado do millo representan o maior investimento que realizan ano tras ano as explotacións de gando vacún de leite. Acadar o maior rendemento posÍbel por hectárea cultivada supón optimizar os investimentos e mellorar a marxe de beneficio no leite producido.