UV BANNER Curtis 2023 web

Aberto atá o 29 de maio o prazo para solicitar o pagamento único por fillas e fillos menores de 3 anos

Prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de 3 anos

servizos 2016Normativa:

Orde do 24 de marzo de 2017 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos para o ano 2017. (DOG nº 65 do 3/04/2017)

Obxecto:

Establecer as bases e convocatoria para a concesión da prestación familiar por fillas e fillos menores de tres anos para o ano 2017.

Persoas beneficiarias:

Persoas que teñan fillas ou fillos menores de tres anos o 1 de xaneiro de 2017 (nados entre o 2.1.2014 e o 1.1.2017, incluídos) e que, durante o ano 2014, nin elas nin ningunha das persoas que compoñen a unidade familiar estivesen obrigadas a presentar a declaración polo IRPF correspondente a este período, nin a teñan presentado de forma voluntaria. (As persoas que realizan a declaración do IRPF xa teñen dereito ás deducións fiscais das mesmas contías)

No caso de fillos/as adoptados ou acollidos entre o 31 de decembro de 2015 e o 31 de decembro de 2016, a prestación poderase conceder durante os tres anos posteriores á data da inscrición no Rexistro Civil ou, cando esta non sexa necesaria, a partir da data da resolución xudicial ou administrativa que a declare.

Nos supostos de que exista unha resolución xudicial que atribúa a custodia exclusiva a unha das persoas proxenitoras, a persoa beneficiaria será aquela que teña a custodia das fillas ou fillos, de acordo co establecido na dita resolución.

Para os efectos desta orde, enténdese por unidade familiar a formada polo pai e/ou a nai que teña/n a custodia do ou da menor polo que se solicita a axuda e os fillos e fillas da persoa solicitante.
En ningún caso poderán ser beneficiarias as persoas proxenitoras privadas da patria potestade das súas fillas ou fillos, ou se a tutela ou a garda fose asumida por unha institución pública.

As persoas estranxeiras que residan en Galicia poderán beneficiarse desta prestación sempre que cumpran as condicións da Lei orgánica 4/2000, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social, e os requisitos establecidos nesta orde. Ademais, deberán ter a condición de contribuíntes para os efectos do disposto na Lei 35/2006, do 28 de novembro, do IRPF, e da modificación parcial das leis dos impostos sobre sociedades, sobre a renda de non residentes e sobre o patrimonio.

Requisitos:

  • Que as persoas proxenitoras teñan a súa residencia habitual en Galicia.
  • Que na data da solicitude os nenos ou as nenas convivan coa persoa solicitante.
  • Que durante o ano 2015, nin as persoas solicitantes nin ningunha das persoas que compoñen a unidade familiar estivesen obrigadas a presentar a declaración polo IRPF correspondente a este período, nin a presentasen de xeito voluntario aínda sen estaren obrigadas a iso.
  • Que cumpran os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Contía da axuda:

A prestación consistirá nun pagamento único por cada filla ou fillo menor de tres anos sen que a mesma filla ou fillo poida dar lugar a máis dunha prestación en virtude desta convocatoria. A contía será a seguinte:

  • Cando sexa a primeira filla ou fillo: 360 euros.
  • Cando sexa a segunda filla ou fillo: 1.200 euros.
  • Cando sexa a terceira ou terceiro e sucesivos: 2.400 euros.

Documentación:

  • Solicitude e anexos
  • Fotocopia do Libro de Familia ou certificación literal de nacemento do Rexistro Civil de cada unha das fillas ou fillos da persoa solicitante, para os efectos de acreditar a data de nacemento e o número de orde que ocupa a filla ou fillo na descendencia da persoa solicitante.
  • Certificado de empadroamento conxunto de toda a unidade familiar (a antigüidade máxima do mesmo será de 6 meses).
  • No caso de nulidade, separación ou divorcio copia da sentenza ou da resolución xudicial que estableza as medidas paterno-filiais dos fillos e fillas comúns, acompañada, de ser o caso, do correspondente convenio regulador.
  • Copia da resolución xudicial ou administrativa que declare a adopción ou acollemento, no suposto de que a súa formalización se realizase noutra comunidade autónoma, de ser o caso.
  • Anexo II debidamente cuberto e asinado pola persoa proxenitora que non figure como solicitante e que forme parte da unidade familiar. De non achegar este documento, deberá xustificarse presentando a documentación que figura na letras c) deste artigo ou certificado de monoparentalidade expedido pola Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Lugar de presentación:

  • Servizos Sociais de Curtis: Telf. 981 789 003
  • Xefaturas Territoriais da Consellería de Política Social. Preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
  • En calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.


Prazo de presentación:

35 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG. Desde o 4 de abril ata o 29 de maio de 2017, ámbolos dous incluídos.

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.