Subvencións para a instalación de ascensores e outros dispositivos de accesibilidade en vivendas
Orde do 23 de agosto de 2017 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións do Programa de instalación de ascensores e outros dispositivos de accesibilidade en edificios de tipoloxía residencial colectiva, nas súas vivendas dúplex e en vivendas unifamiliares, e se convocan para o ano 2017, con carácter plurianual. (DOG nº 167 do 4/9/2017)
Obxecto
Incentivar a colocación de ascensores e outros dispositivos de accesibilidade, en edificios de tipoloxía residencial colectiva, nas súas vivendas dúplex, así como nas vivendas unifamiliares, para favorecer o dereito á accesibilidade universal, no ámbito concreto da accesibilidade arquitectónica.
Actuacións subvencionables
- A instalación de ascensores, de elevadores, de salvaescaleiras e demais dispositivos de accesibilidade en edificios de tipoloxía residencial colectiva, nas súas vivendas dúplex e en vivendas unifamiliares que carezan deles.
- Os honorarios dos profesionais que interveñan, os informes técnicos e certificados necesarios, os gastos derivados da tramitación administrativa e os custos en equipamentos, en materiais, en obra civil e en man de obra asociados á instalación do ascensor e dos demais dispositivos de accesibilidade, de xeito que estes queden operativos. No custo total das obras non se incluirán os gastos derivados de impostos, taxas e tributos.
Non serán subvencionables as actuacións que se iniciasen antes da data de presentación das solicitudes.
O prazo de execución virá fixado na resolución de concesión, sen que poida ser superior a 12 meses, contados desde o día seguinte ao da súa notificación.
Persoas beneficiarias
As comunidades de persoas propietarias, as persoas físicas propietarias únicas de edificios de vivendas, as persoas físicas propietarias dun dúplex nun edificio de tipoloxía residencial colectiva e as persoas físicas propietarias dunha vivenda unifamiliar.
Considerarase como persoa propietaria única do edificio a persoa física titular do pleno dominio do edificio.
Para o caso de vivenda dúplex nun edificio de tipoloxía residencial colectiva e de vivenda unifamiliar, exixirase que os ingresos ponderados da unidade de convivencia da persoa beneficiaria non excedan 3,5 veces o IPREM.
Unidades de convivencia e cómputo de ingresos
Para o cómputo de ingresos, considérase unidade de convivencia o conxunto de persoas que habitan e gozan dunha vivenda de forma habitual e permanente e con vocación de estabilidade, con independencia da relación que exista entre todas elas. Unha unidade de convivencia pode estar composta por varias unidades familiares. A composición da unidade familiar será a que se estableza na normativa reguladora do IRPF.
No caso de vivendas dúplex en edificios de tipoloxía residencial colectiva e de vivendas unifamiliares, os ingresos das persoas membros da unidade de convivencia determinaranse de conformidade coa normativa reguladora do IRPF.
O número de veces do IPREM resultante ponderarase en función dos seguintes coeficientes multiplicativos, segundo corresponda:
- Familias dun membro: 1,00.
- Familias de dous membros: 0,90.
- Familias de tres membros: 0,80.
- Familias de catro membros: 0,75.
- Familias de cinco ou máis membros: 0,70.
Se a unidade de convivencia está composta por máis dunha unidade familiar das establecidas na normativa do IRPF, os ingresos de cada unha, convertidos en número de veces o IPREM e ponderados conforme o anterior, sumaranse e o resultado debe ser inferior ao límite máximo.
Se algún membro da unidade familiar é unha persoa con discapacidade, nas condicións establecidas para o IRPF, o coeficiente multiplicador aplicable será o do tramo seguinte ao que lle correspondese.
No caso de mulleres xestantes, o/a fillo/a ou fillos/as concibidos e non nados contarán como membros da unidade familiar, para os efectos da aplicación do coeficiente multiplicador, sempre que desta fórmula se obteña un maior beneficio. Igual tratamento terá a acreditación de adopción en trámite.
Contía das subvencións
A contía será en tódolos casos do 60% do gasto subvencionable, sen que poida exceder dos seguintes límites:
a) Para as edificacións e vivendas sitas en ámbitos históricos e dos camiños de Santiago:
- Vivendas unifamiliares e dúplex: 4.500 €.
- Edificios de tipoloxía residencial colectiva con 8 vivendas ou menos: 35.000 €.
- Edificios de tipoloxía residencial colectiva con máis de 8 vivendas: 28.000 €.
b) Para as edificacións e vivendas que non estean situadas en ámbitos históricos e dos camiños de Santiago:
- Vivendas unifamiliares e dúplex: 2.500 €.
- Edificios de tipoloxía residencial colectiva con 8 vivendas ou menos: 25.000 €.
- Edificios de tipoloxía residencial colectiva con máis de 8 vivendas: 18.000 €.
c) Cando a actuación consista na instalación dun salvaescaleiras: 1.000 €, en caso de salvaescaleiras de cadeira, e os 2.000 €, en caso de salvaescaleiras de plataforma.
Documentación
Solicitude | Presentación electrónica na sede
- De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa física solicitante.
- No caso de solicitudes en nome de comunidades de persoas propietarias, certificado da persoa que exerza as funcións de secretario/a, en que se recolla tanto o acordo de solicitar a axuda deste programa como o nomeamento da persoa que a represente na tramitación do expediente (anexo II).
- Anexo III, de comprobación de datos e declaración responsable da composición da unidade de convivencia, para o caso de persoas propietarias de vivendas dúplex e de vivendas unifamiliares. No suposto de non estar obrigado/a a presentar a declaración do IRPF, deberase presentar o modelo de devolución e copia da notificación-liquidación emitido pola AEAT. No suposto de que non se achegase o citado modelo, deberase achegar unha declaración responsable de todos os ingresos obtidos, á cal deberá xuntar, de ser o caso, o certificado de retribucións e retencións da empresa ou empresas en que estivese de alta no devandito exercicio, certificado de pensións, prestacións periódicas, certificado do Servizo Público de Emprego e certificados das entidades bancarias de rendementos do capital mobiliario.
- Proxecto redactado por técnico/a competente ou memoria das actuacións do edificio ou vivenda.
- Informe de avaliación do edificio.
- Título que acredite a propiedade das vivendas en que se solicite a instalación do dispositivo de accesibilidade: no caso de persoas físicas acreditarase a propiedade cunha nota simple rexistral e no caso das comunidades de persoas propietarias acreditarase coa copia da escritura da división horizontal.
Lugar de presentación
As comunidades de persoas propietarias e as súas persoas representantes deberán presentar a súa solicitude a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal)
As persoas físicas deberán presentar a súa solicitude preferiblemente por vía electrónica. Tamén poderán presentala en formato papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Deberá dirixirse á área provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) onde estea situado o edificio ou a vivenda.
Prazo de presentación
Rematará o 2 de novembro de 2017 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, que será publicado no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS
Información e asesoramento:
- Servizos Sociais do Concello de Curtis.