UV BANNER Curtis 2023 web

Prazo aberto para acollerse as axudas o aluger de vivenda

AlquilerO prazo para pedir axudas para o aluguer de vivenda está xa aberto ata o 30 de xullo. Consultade aquí os requisitos que se necesitan.

Para máis información o dúbidas, podedes preguntar nos Servizos Sociais municipais.

Normativa
ORDE do 22 de xuño de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para as axudas ao alugamento de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021 e se procede á súa convocatoria para o ano 2018, con carácter plurianual. (DOG nº 123 do 28/6/2018)

EXTRACTO da Orde do 22 de xuño de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para as axudas ao alugamento de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021 e se procede á súa convocatoria para o ano 2018, con carácter plurianual (axudas ao alugamento de vivenda).(DOG nº 123 do 28/6/2018)

EXTRACTO da Orde do 22 de xuño de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para as axudas ao alugamento de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021 e se procede á súa convocatoria para o ano 2018, con carácter plurianual (axuda á mocidade para o alugamento de vivenda habitual e permanent. (DOG nº 123 do 28/6/2018)

Obxecto
Concesión (código de procedemento VI432A) e a renovación (código de procedemento VI432B) das seguintes axudas ao alugamento de vivendas, de conformidade co Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021:

  1. Liña A, axuda ao alugamento de vivenda: a súa finalidade é facilitar o desfrute dunha vivenda en réxime de alugamento a sectores de poboación con escasos medios económicos, mediante a concesión de axudas directas ás persoas inquilinas.
  2. Liña B, axuda á mocidade para o alugamento de vivenda habitual e permanente: a súa finalidade é facilitar o acceso ao desfrute dunha vivenda digna e adecuada, en réxime de alugamento, a persoas menores de 35 anos con escasos medios económicos, mediante o outorgamento de axudas directas ás persoas inquilinas.

Persoas beneficiarias

1.- Requisitos específicos da liña A, axuda ao alugamento de vivenda: Poderán beneficiarse destas axudas as persoas físicas maiores de idade que na data de presentación da solicitude sexan titulares, en condición de persoa arrendataria, dun contrato de alugamento de vivenda, con mención expresa da súa referencia catastral, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos.

2. -Requisitos específicos da liña B, axuda á mocidade para o alugamento de vivenda habitual e permanente.Poderán beneficiarse destas axudas as persoas físicas maiores de idade que reúnan os seguintes requisitos:

  • Ser titular ou estar en condicións de subscribir, en condición de persoa arrendataria, un contrato de alugamento de vivenda, con mención expresa da súa referencia catastral, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos:
  •  Ter menos de 35 anos na data de presentación da solicitude desta axuda.

3.- Requisitos comúns ás dúas liñas de axudas.

  • A persoa beneficiaria deberá posuír a nacionalidade española; no caso de que sexa estranxeira, deberá ter a residencia legal en España. 
  • Que a vivenda arrendada constitúa ou vaia constituír a residencia  habitual e permanente da persoa beneficiaria durante todo o período polo que se conceda a axuda. Para estes efectos, as persoas integrantes da unidade de convivencia deben constar empadroadas na vivenda obxecto do contrato de alugamento na data da presentación da solicitude ou, tratándose de axudas da liña B, no momento da presentación do contrato, para o caso de que este non se achegase coa solicitude.
  •  Que a renda mensual da vivenda que teñen alugada ou vaian alugar non supere os importes establecidos no artigo 6.
  • Que os ingresos das persoas que compoñen a unidade de convivencia sexan iguais ou inferiores a 2,5 veces o IPREM. Este límite será de 4 veces o IPREM, se a unidade de convivencia é unha familia numerosa de categoría xeral ou ten persoas cunha discapacidade distinta das sinaladas a continuación. O límite será de cinco 5 veces o IPREM cando a unidade de convivencia sexa unha familia numerosa de categoría especial ou teña persoas con algún dos seguintes tipos de discapacidade:

- Parálise cerebral, enfermidade mental, discapacidade intelectual ou discapacidade do desenvolvemento, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

- Discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.

  • Que os ingresos mínimos da unidade de convivencia non sexan inferiores a 0,7 veces o IPREM. Para o cómputo destes ingresos non serán de aplicación os coeficientes multiplicadores previstos no artigo 8.4.
  • Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da unidade de convivencia se atopen ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non teñan pendente ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
  • Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da unidade de convivencia non estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, xeral de subvencións, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como que non se lles teña revogada, ou fosen obxecto dunha resolución de reintegro dunha axuda, deste ou dun plan de vivenda anterior, por causa imputable a algunha das persoas integrantes da unidade de convivencia.

4.- Non poderá concederse a axuda cando a persoa solicitante ou algunha das persoas integrantes da unidade de convivencia se atope nalgunha das situacións que a seguir se indican:

  1. Ser propietario ou usufrutuario dalgunha vivenda en España. Para estes efectos, non se considerará que se posúe a propiedade ou o usufruto dunha vivenda se o dereito recae unicamente sobre unha parte alícuota desta e foi obtido por herdanza ou transmisión mortis causa sen testamento. Exceptuaranse deste requisito as persoas que, sendo titulares dunha vivenda, acrediten a non dispoñibilidade dela por causa de separación, divorcio ou por calquera outra causa allea á súa vontade ou cando a vivenda resulte inaccesible por razón de discapacidade da persoa solicitante ou dalgún membro da súa unidade de convivencia.
  2. Que teña parentesco en primeiro ou segundo grao de consanguinidade ou de afinidade coa persoa arrendadora da vivenda.
  3. Que sexa socia ou partícipe da persoa física ou xurídica que actúe como arrendadora.
  4.  Que sexa arrendataria dunha vivenda xestionada polo IGVS.

Contía das axudas

  1. A contía da axuda para a liña A, axuda ao alugamento de vivenda, será do 40 % da renda mensual que se deba satisfacer polo alugamento. Non obstante, para as persoas beneficiarias que na data de presentación da solicitude teñan máis de 65 anos, esta axuda será do 50 % da renda mensual que se deba satisfacer polo alugamento.
  2. A contía da axuda para a liña B, axuda á mocidade para o alugamento de vivenda habitual e permanente, será do 50 % da renda mensual que se deba satisfacer polo alugamento.
  3. Tanto na liña A como na liña B, a contía da axuda recoñecida na resolución de concesión determinarase en función da renda establecida no contrato, sen que en ningún caso poida ser aumentada, aínda que a citada renda se incremente ao longo da duración do contrato.

Solicitudes

  1. A solicitude realizarase mediante a presentación do modelo que se incorpora como anexo I a esta orde, debidamente cuberto. Deberá dirixirse á área provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) onde estea situada a vivenda.
  2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
  3.  Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación

1.- Coa solicitude deberase achegar a seguinte documentación:

  • De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados.
  • Contrato de alugamento da vivenda, con mención expresa da súa referencia catastral, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos.
  • Anexo II, de declaración responsable das persoas integrantes da unidade de convivencia da persoa solicitante e autorización para solicitar por vía telemática as acreditacións relativas a identidade, residencia, datos catastrais e de titularidade de bens inmobles, ingresos, débedas e discapacidade.
  • Anexo III, de compromiso de someterse ás condicións das axudas ao alugamento desta orde, con indicación do número de conta bancaria da persoa arrendataria e da persoa arrendadora.
  • Anexo IV, de declaración da persoa arrendadora da vivenda obxecto do contrato de alugamento de que a persoa arrendataria non ten débedas por non pagamento das rendas nin das subministracións, no caso de dispoñer de contrato no momento de presentar a solicitude.
  • Anexo V, de declaración responsable da persoa solicitante e das persoas integrantes da unidade de convivencia, no caso de non estar obrigados a presentar a declaración do IRPF, acompañado da seguinte documentación:

- Certificado de imputacións do IRPF do exercicio que se especifique
na correspondente convocatoria, emitido pola AEAT.

– Certificado de retribucións e retencións da empresa ou empresas nas
cales estivese de alta no devandito exercicio.

– Certificado de pensións ou prestacións periódicas, emitido polo
correspondente organismo oficial, no caso de non ser outorgadas polo
INSS.

– Certificados bancarios de rendementos do capital mobiliario.

  • Xustificante de empadroamento conxunto de todas as persoas integrantes da unidade de convivencia. Estes xustificantes deberán estar expedidos dentro dos seis meses, anteriores á data da presentación da solicitude.
  • De ser o caso, convenio regulador de nulidade, separación ou divorcio, ou sentenza que acredite que a persoa solicitante non ten o uso da vivenda familiar, así como a documentación acreditativa de estar ao día no pagamento das pensións alimenticias e compensatorias, se for o caso, no caso das persoas separadas ou divorciadas.

2.- Aquelas persoas que na solicitude indiquen que pertencen a algún dos colectivos preferentes especificados no artigo 8.5 deberán achegar a seguinte documentación:

  • No caso de familias numerosas, título de familia numerosa, no suposto de tratarse dun documento non expedido pola Xunta de Galicia.
  • No caso de unidades familiares monoparentais con cargas familiares, de non dispoñer do certificado de monoparentalidade expedido pola Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta de Galicia na data de presentación da solicitude, deberase achegar a seguinte documentación:

– Copia do libro de familia.

– Declaración responsable de non constituír unión estable de parella ou manter unha relación análoga á conxugal, así como de non ter contraído matrimonio con outra persoa.

– Copia da resolución xudicial ou administrativa pola que se constitúa a tutela, adopción ou o acollemento permanente ou preadoptivo ou sentenza que acredite a exclusividade da patria potestade, de ser o caso.

– Copia do certificado de defunción da persoa proxenitora falecida, no caso de atoparse nesta circunstancia e non constar no libro de familia.

– Sentenza xudicial pola que se acredita cal dos proxenitores ten a obriga legal de pagar a pensión alimenticia e o réxime de convivencia coas fillas e fillos, de ser o caso.

Para o suposto de que un proxenitor teña a garda e custodia exclusiva ou total das fillas e fillos e non perciba a pensión alimenticia establecida xudicialmente, deberá acreditar esta circunstancia
mediante un dos seguintes documentos:

– Certificado da/do letrada/o da Administración de xustiza, dilixencia, providencia ou documento análogo do xulgado que acredite que o procedemento de reclamación da pensión alimenticia está en curso. Este documento deberá estar expedido dentro dos tres meses anteriores á data de presentación da solicitude.

– Sentenza condenatoria por impago de alimentos.

  • No caso de que algunha das persoas integrantes da unidade de convivencia for obxecto dunha execución hipotecaria da súa vivenda habitual ou a tiver entregado en pagamento da débeda, documentación acreditativa da dita circunstancia, a cal deberá estar emitida dentro
    do prazo dos seis meses anteriores á data de presentación da solicitude.
  • No caso de unidades de convivencia en que exista algunha vítima acreditada de violencia de xénero:

– Certificación da orde de protección ou medida cautelar, testemuño ou copia autenticada da/do letrada/o da Administración de xustiza da propia orde de protección ou medida cautelar.

– Resolución xudicial que declare a existencia de violencia de xénero.

– Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia.

– Informe dos servizos de acollida.

– Certificación e/ou informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local.

– Calquera outro que se estableza legal ou regulamentariamente para a acreditación da dita situación.

Os documentos acreditativos da situación de violencia anteditos deben de estar emitidos dentro dos seis meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude.

  • No caso de unidades de convivencia en que algunha persoa asuma a patria potestade, tutela ou acollemento familiar permanente dalgún menor orfo por violencia de xénero, documentación acreditativa desta circunstancia e copia da resolución xudicial ou administrativa pola que se constitúa a tutela, adopción ou o acollemento permanente ou
    preadoptivo, de ser o caso.
  •  No caso de unidades de convivencia afectadas por situacións catastróficas, documentación que permita acreditar a citada situación.
  • No caso de unidades de convivencia que conten con algún membro con discapacidade, o correspondente certificado de discapacidade, no suposto de tratarse dun documento non expedido pola Xunta de Galicia
  •  No caso de persoas vítimas de terrorismo, documento oficial que acredite esta circunstancia.

3.- Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente, sempre que non se modificasen as súas circunstancias e a persoa interesada outorgue o seu consentimento expreso para que sexan consultados ou obtidos os ditos documentos, segundo o Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas, no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de
protección de datos, DOUE do 4 de maio).

4.-  No suposto de que exista a imposibilidade material de obter o documento, a área provincial do IGVS poderá requirirlle á persoa solicitante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos contidos a que se refire o documento.

Prazo de presentación

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG, ata o 30 de xullo de 2018.

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.