UV BANNER Curtis 2023 web

Axudas para a mellora da eficiencia enerxética e da seguridade e accesibilidade en vivendas

energiaNormativa

Resolución do 15 de xullo de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións dos programas de fomento de mellora da eficacia enerxética e sustentabilidade e de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas do Plan estatal de vivenda 2018-2021, e se convocan para o ano 2019, con carácter plurianual.  (DOG nº 143 do 30/7/2019)

Convocar as seguintes axudas de rehabilitación previstas no Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021:

Liña A, axuda ao fomento de mellora da eficacia enerxética e da sustentabilidade en vivendas; a súa finalidade é financiar obras de mellora da eficiencia enerxética e da sustentabilidade, con especial atención á envolvente edificatoria.Liña B, axuda ao fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas; a súa finalidade é financiar obras de conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade.

Requisitos das actuacións

Para poder ser subvencionables, as actuacións deberán ser realizadas en vivendas unifamiliares, en edificios de vivendas de tipoloxía residencial colectiva e nas vivendas situadas nestes edificios, sempre que estivesen finalizados antes do 1 de xaneiro de 1996 e constitúan o domicilio habitual e permanente das súas persoas propietarias ou, de ser o caso, das persoas arrendatarias, no momento de solicitar a axuda deste programa.

Requisitos específicos das actuacións que se realicen en edificios de vivendas de tipoloxía residencial colectiva:

  1. Que, polo menos, o 70 % da súa superficie construída sobre rasante teña uso residencial de vivenda, excluída a planta baixa e/ou plantas inferiores, se ten ou teñen outros usos compatibles.
  2. Que, polo menos, o 50 % das vivendas constitúan o domicilio habitual das persoas propietarias ou arrendatarias no momento de solicitar as axudas. Non se terá en conta este requisito, cando se trate dun propietario único que tivese que proceder ao realoxamento dos inquilinos para efectuar a rehabilitación, se ben deberá xustificar esta circunstancia, así como o compromiso de destinar as vivendas obxecto da rehabilitación ao domicilio habitual das persoas arrendatarias.
  3. Que as actuacións conten co acordo da comunidade ou agrupación de comunidades de persoas propietarias ou da agrupación de persoas propietarias. Este requisito non se exixirá cando a propiedade do edificio corresponda a unha soa persoa física ou xurídica.

Cando sobre un mesmo elemento ou sistema construtivo se soliciten axudas que resulten subvencionables polas dúas liñas de axudas, deberán identificarse e desagregarse, debéndose adscribir a unha soa das dúas liñas.

Actuacións subvencionables da liña A), para o fomento da mellora da eficiencia enerxética e da sustentabilidades das vivendas

  1. A mellora da envolvente térmica da vivenda ou do edificio para reducir a súa demanda enerxética de calefacción ou refrixeración, mediante actuacións en fachada, cuberta ou calquera paramento da dita envolvente, de mellora do seu illamento térmico; a substitución de carpintarías e acristalamentos dos ocos e o cerramento ou acristalamento das terrazas con teito ou outras, incluíndo a instalación de dispositivos bioclimáticos e de sombreamento.
  2. A instalación de sistemas de calefacción, refrixeración, produción de auga quente sanitaria e ventilación para o acondicionamento térmico ou o incremento da eficiencia enerxética dos xa existentes.
  3. A instalación de equipos de xeración ou que permitan a utilización de enerxías renovables como a enerxía solar fotovoltaica, biomasa ou xeotermia que reduzan o consumo de enerxía convencional térmica ou eléctrica da vivenda.
  4. As actuacións que melloren o cumprimento dos parámetros de protección contra o ruído (DB-HR)As actuacións que melloren o cumprimento dos parámetros de salubridade (DB-HS)

Nos edificios de tipoloxía residencial colectiva, ademais das anteriores actuacións, serán subvencionables as seguintes:

  1. A mellora da eficiencia enerxética das instalacións comúns de ascensores e iluminación, do edificio ou da parcela: a iluminación LED, instalacións de sistemas de control de acceso e regulación do nivel de iluminación e aproveitamento da luz natural.
  2. A mellora das instalacións de subministración e instalación de mecanismos que favorezan o aforro de auga, así como a implantación de redes de saneamento separativas no edificio e doutros sistemas que favorezan a reutilización das augas grises e pluviais no propio edificio ou na parcela ou que reduzan o volume de vertedura ao sistema público de rede de sumidoiros.
  3. A mellora ou acondicionamento de instalacións para a adecuada recollida e separación dos residuos domésticos no interior dos domicilios e nos espazos comúns das edificacións.O acondicionamento dos espazos privativos da parcela, co obxecto de mellorar a permeabilidade do chan, adaptar a xardinaría a especies de baixo consumo hídrico, optimizar os sistemas de rega e outras actuacións bioclimáticas.
  4. As actuacións que fomenten a mobilidade sustentable nos servizos e nas instalacións comúns dos edificios ou urbanizacións, tales como a instalación de puntos de recarga de vehículos eléctricos nos aparcadoiros ou a adecuación de zonas e instalacións de aparcadoiros de bicicletas.As instalacións de fachadas ou cubertas vexetais.A instalación de sistemas de domótica e/ou sensórica.

Actuacións subvencionables da liña B), para o fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas

Para fomento da conservación:

  1. As relativas ao estado de conservación da cimentación, da estrutura e das instalacións.
  2. As relativas ao estado de conservación de cubertas, azoteas, fachadas e medianeiras, incluíndo procesos de desamiantado.
  3. As relativas á adecuación interior da vivenda unifamiliar, agrupada en fila ou en edificio de tipoloxía residencial colectiva, ás condicións mínimas de funcionalidade, habitabilidade, seguridade e hixiene legalmente exixidas.

Para a mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade:

  1. A instalación de ascensores, salvaescaleiras, ramplas ou outros dispositivos de accesibilidade, incluíndo os adaptados ás necesidades de persoas con discapacidade sensorial ou intelectual, así como a súa adaptación, unha vez instalados, á normativa sectorial correspondente.
  2. A instalación ou dotación de produtos de apoio, tales como guindastres ou artefactos análogos, que permitan o acceso e uso por parte das persoas con discapacidade a elementos comúns do edificio, de ser o caso, tales como xardíns, zonas deportivas, piscinas e outros similares.
  3. A instalación de elementos de información ou de aviso, tales como sinais luminosos ou sonoros, que permitan a orientación no uso de escaleiras, ascensores e do interior das vivendas.
  4. A instalación de elementos ou dispositivos electrónicos de comunicación entre as vivendas e o exterior, tales como vídeo porteiros e análogos.
  5. A instalación domótica e doutros avances tecnolóxicos para favorecer a autonomía persoal de persoas maiores ou con discapacidade.
  6. Calquera intervención que facilite a accesibilidade universal nos espazos do interior das vivendas unifamiliares ou en edificios de tipoloxía residencial colectiva, así como nas súas vías de evacuación. Inclúense obras dirixidas á ampliación de espazos de circulación dentro da vivenda así como para mellorar as condicións de accesibilidade en baños e cociñas.
  7. Calquera intervención que mellore o cumprimento dos parámetros de seguridade de utilización e accesibilidade (DB-SUA).

Persoas e/ou entidades beneficiarias

  1. As persoas físicas, así como as persoas xurídicas de natureza privada, xa sexan propietarias de vivendas unifamiliares, de edificios de tipoloxía residencial de vivenda colectiva e das vivendas ubicadas nestes edificios.
  2. As comunidades de persoas propietarias, así como as agrupacións de comunidades de persoas propietarias.
  3. As agrupacións de persoas propietarias.
  4. As sociedades cooperativas compostas por agrupacións de persoas propietarias de vivendas ou edificios que reúnan os requisitos establecidos no artigo 396 do Código civil e non outorgasen o título constitutivo de división horizontal, así como por persoas propietarias que conforman comunidades ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias, constituídas conforme o disposto no artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal.
  5. As empresas construtoras, arrendatarias ou concesionarias de edificios, así como as cooperativas, que acrediten a dita condición mediante contrato coa propiedade que lles outorgue a facultade expresa para acometer as obras de rehabilitación obxecto das dúas liñas de axudas previstas nesta resolución.
  6. As persoas físicas inquilinas dunha vivenda que asuman, en virtude dun acordo coa persoa arrendadora, o custo das actuacións de rehabilitación que correspondan, a cambio do pagamento da renda.
  7. No caso das axudas da liña A), para obras de mellora da eficiencia enerxética e a sustentabilidade, tamén poderán ser beneficiarias as empresas de servizos enerxéticos.

Para que as persoas físicas sexan beneficiarias deberán posuír a nacionalidade española ou ter a residencia legal en España, no caso das persoas estranxeiras.

Contía das axudas

A contía máxima das subvencións non poderá superar o 40 % do custo subvencionable da actuación, que se poderá incrementar ata o 75 %, cando os ingresos da unidade de convivencia sexan inferiores a tres veces o IPREM. Esta porcentaxe do 75 % do custo subvencionable tamén se aplicará no caso de actuacións para a mellora da accesibilidade, se na unidade da convivencia hai unha persoa con discapacidade ou maior de 65 anos.

Para a liña A), de fomento da mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade en vivendas:

  1. A contía unitaria básica da axuda por vivenda unifamiliar non poderá superar os 12.000 euros. A contía máxima da subvención será de 18.000 euros, se na unidade de convivencia da persoa solicitante e residente na vivenda, hai unha persoa con discapacidade, e de 24.000 euros, se a discapacidade da persoa é dalgún dos seguintes tipos: con parálise cerebral, con enfermidade mental, con discapacidade intelectual ou con discapacidade do desenvolvemento, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 % ou con discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.A contía máxima da subvención total que se conceda por edificio de tipoloxía residencial colectiva ou por vivenda situada neste tipo de edificios en ningún caso poderá superar o importe de multiplicar 8.000 euros por cada vivenda e 80€/m2 de superficie construída de local comercial ou outros usos compatibles.
  2. A contía máxima da subvención que se conceda por vivenda en edificio de tipoloxía residencial colectiva será de 12.000 euros, se na unidade de convivencia da persoa solicitante propietaria ou inquilina, promotora da actuación e residente na vivenda, hai unha persoa con discapacidade e de 16.000 euros, se a discapacidade da persoa é dalgún dos seguintes tipos: con parálise cerebral, con enfermidade mental, con discapacidade intelectual ou con discapacidade do desenvolvemento, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 % ou con discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.

Para liña B), de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas:

A contía máxima para as actuacións de conservación non poderá superar os 3.000 euros por vivenda e 30 €/ m2 de superficie construída de local comercial ou outros usos compatibles, cando se solicita só para actuacións de conservación.A contía máxima da subvención para actuacións de mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade ou conxuntamente para estas últimas e para actuacións de conservación será 8.000 euros por vivenda e 80€/m2 de superficie construída de local comercial ou outros usos compatibles.

A axuda máxima para actuacións de mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade ou cando se realicen conxuntamente con actuacións de conservación será de 14.000 euros por vivenda, se na unidade de convivencia da persoa propietaria ou arrendataria, promotora da actuación e residente na vivenda, hai unha persoa con discapacidade, e de 17.000 euros se a discapacidade da persoa é dalgún dos seguintes tipos: con parálise cerebral, con enfermidade mental, con discapacidade intelectual ou con discapacidade do desenvolvemento, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 % ou con discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.

Ás axudas unitarias básicas para as dúas liña poderán sumarse 1.000 euros de axuda unitaria complementaria por vivenda para edificios de tipoloxía residencial colectiva ou en vivendas unifamiliares que estean declaradas ben de interese cultural (en diante, BIC), estean catalogados ou conten con protección integral no instrumento de ordenación urbanística correspondente. Se ademais se trata de actuacións da liña A) poderán sumarse 10 €/m2 de superficie construída de uso comercial ou outros usos compatibles.

Documentación

Solicitude e documentación complementaria

Lugar de presentación

As persoas xurídicas e as entidades, así como as súas persoas representantes obrigadas a relacionarse a través de medios electrónicos deberán presentar a documentación complementaria a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co establecido no artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.As persoas físicas deberán presentar a documentación complementaria preferiblemente por vía electrónica. Tamén poderán presentala en formato papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Prazo de presentación de solicitudes.

Un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG (ata o 30 de agosto de 2019) e rematará no momento de esgotamento do crédito orzamentario.

Prazo de execución das actuacións.

O prazo de execución das actuacións en ningún caso poderá exceder o 30 de novembro de 2021.

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.