Banner XX Premio de rarracion curta

Aberto o prazo para pedir praza no Programa de Benestar en balnearios 2017

balneariosPrograma Benestar en Balnearios 2017

Normativa:

Orde do 8 de marzo de 2017 pola que se regula a oferta de prazas para as estadías e o tratamento termal dentro do Programa de Benestar en balnearios 2017, e se procede á súa convocatoria (DOG nº 53 do 16/3/2017)

Obxecto:

Convocar un total de 600 prazaspara para as estadías e o tratamento termal dentro do programa de Benestar en balnearios 2017, que se levarán a cabo nas quendas e establecementos termais que se relacionan no anexo IV.

En cada solicitude só se poderá relacionar un máximo de 3 destinos por orde de prioridade.

Persoas beneficiarias

Para beneficiarse deste programa haberá que reunir os seguintes requisitos:

  1. Ser maior de 60 anos, ou de 55 e reunir a condición de pensionista do sistema da Seguridade Social, polos conceptos de xubilación, invalidez, viuvez ou outras pensións.
  2. Estar empadroado e residir nalgún concello da Comunidade Autónoma de Galicia.
  3. Valerse por si mesmo para as actividades da vida diaria e estar en condicións de participar no programa, agás no caso de fillos/as que acudan en calidade de acompañantes.
  4. Non padecer alteracións do comportamento que poidan afectar a normal convivencia nos establecementos, nin padecer enfermidade transmisible con risco de contaxio.
  5. Carecer de contraindicación médica para a recepción dos tratamentos termais.
  6. Acadar, de conformidade co baremo, a puntuación que lle permita acceder a un dos balnearios e quendas solicitadas.

Acompañantes

A persoa solicitante poderá ir acompañada de:

  1. O seu ou a súa cónxuxe ou, se fose o caso, a parella de feito ou persoa coa cal teña unha unión estable e de convivencia con análoga relación á conxugal, sempre que cumpra os requisitos citados anteriormente, excepto o sinalado na letra a).
  2. Un fillo ou filla que teña un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, sempre e cando este o poida facer sen necesidade de apoio de terceira persoa, se poida desprazar con autonomía, comparta o cuarto coas persoas proxenitoras e cumpra os requisitos agás o da letra a).
  3. Unha persoa coa cal desexe participar no programa, sempre e cando esta cumpra todos os requisitos.

As persoas solicitantes terán que cumprir os requisitos establecidos na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

Duración e servizos ofertados

As quendas teñen una duración de 10 días (nove noites) cada unha, realizaranse en réxime de pensión completa e comprenderán desde as 12:00 h. do día de chegada ata as 12:00 h. do día de saída, e desenvolveranse entre o mes de abril e o de decembro de 2017

Servizos:

- Aloxamento e manutención en réxime de pensión completa e en cuartos dobres de uso compartido.

- Tratamentos termais, coas indicacións terapéuticas que figuran para cada balneario no anexo IV, que comprenderán:

  • Recoñecemento médico, ao ingresar no balneario, para a prescrición do tratamento.
  • Tratamento termal básico que, en cada caso, prescriba o persoal médico do balneario.
  • Seguimento médico do tratamento.

- Programa de actividades de animación sociocultural que se leve a cabo no establecemento hoteleiro ou termal.

- Póliza colectiva de seguro turístico.

O desprazamento desde o domicilio ata o establecemento termal así coma o de regreso será por conta das persoas beneficiarias, sen prexuízo de que se poidan acoller ás facilidades para o transporte que oferte o balneario, se for o caso.

As persoas beneficiarias que estean interesadas en aloxarse en cuarto individual, no caso de que houber dispoñibilidade, teranse que facer cargo da diferenza do custo que supoña, e as que precisen dalgún tipo de apoio ou dieta especial terano que indicar no momento de presentar a solicitude e acreditalo ao incorporarse á quenda.

A participación nas excursións ou actividades con custo adicional que organice o establecemento termal ou hoteleiro deberano facer as persoas beneficiarias polos seus propios medios e ao seu cargo.

Prezo

O prezo que pagarán as persoas beneficiarias, por praza e quenda para cada balneario, é o que figura no anexo IV.

Documentación

Solicitude anexo I e os anexos II e III |

  • Copia compulsada do pasaporte, se procede, relativa á persoa solicitante e, se fose o caso, á que a acompaña: cónxuxe, parella de feito ou relación análoga á conxugal, filla ou fillo con discapacidade ou outra persoa.
  • Copia do libro de familia da persoa solicitante no caso de que queira acudir ao programa acompañada dun fillo ou filla con discapacidade.
  • Certificado do grao de discapacidade do fillo ou filla da persoa solicitante, de non ser expedido pola Xunta de Galicia ou non estivese no poder desta.
  • Certificado das pensións non outorgadas polo INSS nin pola Xunta de Galicia, da persoa solicitante e da acompañante, se for o caso.

Para a tramitación consultaranse automaticamente os datos incluídos nos documentos elaborados polas administracións públicas sinalados no art.8.

Prazo presentación de solicitudes

Vinte días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG. Ata o 17 de abril de 2017.

Información e tramitación

Departamento de Servizos Sociais do Concello de Curtis. Telf. 981789003

 

Subvencións do Plan Renove de instalacións eléctricas comúns

industriaNormativa

Orde do 9 de marzo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, relativa ao Plan Renove de instalacións eléctricas comúns, así como a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á convocatoria para a anualidade 2017 (códigos de procedemento IN412E-IN412F). (DOG nº 52 do 15/03/2017)

Obxecto

Incentivar a renovación de instalacións eléctricas comúns en edificios de vivendas, co fin de mellorar as súas condicións de seguridade e favorecer a incorporación de medidas de eficiencia enerxética, así como para a selección de entidades colaboradoras que participan na súa xestión. (procedementos IN412E-entidades colaboradoras e IN412F-solicitudes de axuda).

Actuacións e custos subvencionables

  • A reforma das instalacións eléctricas comúns dos edificios de máis de 25 anos destinados principalmente a vivendas para adaptalas na súa totalidade ao Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión e as súas ITC.
  • A substitución de chaves e interruptores convencionais por detectores de presenza.
  • Os custos relativos a pequenas obras auxiliares de construción necesarias para acometer a instalación, sempre e cando veña detallado na factura.

As reformas das instalacións eléctricas que se realicen deben cumprir coas seguintes condicións:

  • Realizarse no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.
  • Os edificios estarán destinadas principalmente a vivendas e dispor de máis de dúas subministracións destinadas a esta finalidade.
  • Tratarse de instalacións de titularidade de comunidades de propietarios ou predios de propiedade de particulares.
  • As instalacións deberán quedar adaptadas na súa totalidade ao Real Decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión e as súas ITC.
    Os aparellos que sexa preciso instalar deberán ser novos e cumprir coa lexislación que lles sexa de aplicación (marcación CE, etc.).

Contía da axuda

Máximo de 150 euros por contador, cun límite máximo de 3.000 euros por instalación. En calquera caso, a cantidade da subvención non poderá ser superior ao 25 % do custo total da instalación.

Beneficiarias

As comunidades de propietarios ou persoas físicas propietarias de edificios de uso residencial con dúas ou máis vivendas.

Lugar de presentación e documentación

As persoas interesadas dirixiranse a unha entidade colaboradora e aceptarán unha instalación que cumpra os requisitos mínimos exixidos no artigo 3 das bases.

Documentación

  • Solicitude do beneficiario asinada (anexo IV).
  • Autorización para representación pola entidade colaboradora segundo o anexo VI.
  • Fotografías da instalación que se vai reformar.
  • Orzamento detallado da instalación (só das actuacións subvencionables).
  • Cando resulte de aplicación, segundo o indicado no punto f) do artigo 8, copia das tres ofertas solicitadas e, en caso de non se optar pola máis vantaxosa, memoria xustificativa da elección. No caso de non presentar as ofertas por concorrer algunha das circunstancias indicadas na citada base, deberá indicar o motivo.

Se a solicitante é unha persoa física: copia do DNI/NIE (no caso de denegar a súa consulta) e documentación acreditativa da propiedade ou recibo do IBI a nome do solicitante.

Se a solicitante é unha agrupación de persoas físicas, o representante deberá asinar a solicitude e achegar a seguinte documentación:

  • Copia do DNI/NIE dos solicitantes, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.
  • Documentación acreditativa da propiedade ou recibo do IBI.
  • Copia do documento que acredite a constitución da agrupación.
  • Copia do nomeamento do representante ou apoderado único da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, corresponden á agrupación.
  • Documento en que consten os compromisos de execución asumidos, así como o importe da subvención que se aplicará a cada un deles, que terán igualmente a condición de beneficiarios (anexo V).

Non se poderá disolver a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

  • Se a solicitante é unha comunidade de veciños, de conformidade co artigo 13.3 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, sobre propiedade horizontal, o/a presidente/a desempeñará a representación da comunidade neste procedemento e será a persoa asinante da documentación, para isto deberá presentar:
  • Copia do NIF da comunidade de propietarios, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.
  • Copia da acta de constitución da comunidade de propietarios coa relación de propietarios e a determinación da cota de participación respectiva.
  • Copia da certificación do acordo adoptado pola maioría legalmente establecida pola correspondente comunidade de propietarios en que se acepten as bases da convocatoria, se comprometan á execución das respectivas obras e se faculte o presidente ou administrador de predios para formular a solicitude de subvención.
  • Copia da acta onde conste o nomeamento do presidente ou certificado expedido polo secretario da comunidade referente a este aspecto, ou certificación do administrador de predios que xestione a comunidade.

Prazo de presentación

Desde o 2 de maio ata o 1 de setembro de 2017, agás que se produza o suposto de esgotamento de crédito.

Información

  • Departamento de Servizos Sociais, Concello de Curtis. Telf. 981789003

O prazo para xustificar o investimento rematará o 29 de setembro de 2017.

Axudas extraordinarias a emigrantes galegos retornados

emigracionAxudas extraordinarias a emigrantes galegos/as retornados/as (S.X. Emigración)

Normativa:

Resolución do 6 de marzo de 2017, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas e se procede á súa convocatoria para o ano 2017. (DOG nº 52 do 15/03/2017)

Obxecto:

Concesión de axudas extraordinarias e non periódicas dirixidas a persoas emigrantes galegas retornadas para axudar a facer fronte aos gastos extraordinarios derivados do seu retorno á Comunidade Autónoma de Galicia.

Beneficiarios:

Poderán ser beneficiarias destas subvencións as seguintes persoas, que residindo fóra de España se establezan na Comunidade Autónoma galega:

  1. As persoas galegas e nacidas en Galicia.
  2. Os cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal e os/as fillos/as das persoas galegas e nacidas en Galicia.

As persoas beneficiarias deberán ter a nacionalidade española antes do retorno e ter a súa residencia actual en Galicia.

Requisitos:

  1. Ter residido legalmente no estranxeiro un mínimo de 3 anos ininterrompidos inmediatamente anteriores á data do seu retorno a España.
  2. Non ter transcorrido máis de dous anos entre a data do retorno a España e a data de presentación da solicitude.
  3. Estar empadroada e ter residencia nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia.
    Carecer de rendas ou ingresos suficientes, computándose como tales todo tipo de rendas, mesmo as axudas, públicas ou privadas, de natureza semellante as previstas nesta resolución. Entenderase como rendas ou ingresos suficientes os que non superen, en cómputo global, o IPREM, e relativos á renda per cápita da unidade familiar (1)
  4. Carecer bens patrimoniais suficientes (mobles e/ou inmobles). (2)

Quedan excluídas destas axudas as persoas que resultasen beneficiarias en calquera das tres convocatorias inmediatamente anteriores á presente.

  1. Entenderase como unidade familiar, en todo caso, a integrada pola persoa solicitante, o seu cónxuxe ou parella de feito, non separado legal ou de feito, e parentes por consanguinidade, afinidade ou adopción ata o primeiro grao en liña ascendente e descendente da persoa solicitante, sempre que convivan con ésta. Só se computarán como membros da ud. familiar os que consten no mesmo domicilio segundo os datos do Padrón Municipal ou da certificación municipal de convivencia.
  2. Entenderase como bens mobles suficientes, cando na ud. familiar da persoa solicitante o seu valor supere o límite de 10.000 €, mais 2.000 € adicionais por cada un dos restantes membros; e como bens inmobles suficientes, cando a suma dos seus valores de todas as persoas que integran a ud. familiar, excluída a vivenda habitual, supere o límite de 50.000 €.

Axudas:

Axudas de carácter xenérico: para facer fronte á situación derivada do retorno previstas nesta resolución pagaranse por unha soa vez, e o seu importe establécese en función do número de puntos que se obteñan segundo os criterios recollidos no artigo 5; para os efectos fixarase un valor en euros por unidade de puntuación, o que determinará a contía da axuda.

Co obxecto de protexer a situación daquelas persoas que estean nunha situación de maior vulnerabilidade, a unidade de puntuación terá un valor en euros diferente en función do número de puntos obtidos polas persoas solicitantes, de acordo coas seguintes regras:

  • Unidade de puntuación para aquelas persoas que obteñan de 1 a 5 puntos: 250€ por punto.
  • Unidade de puntuación para aquelas persoas que obteñan máis de 5 puntos: 350 € por punto.

Axuda a sufragar os gastos derivados do retorno: establécese unha axuda de pagamento único que incrementará a contía das axudas anteriores en 150 €, para a persoa beneficiaria procedente de Europa e en 400 €, para a persoa beneficiaria procedente de América e outros países.

Límite das axudas: Cando resulten beneficiarias varias persoas da mesma unidade familiar, a suma das súas axudas non poderá superar a contía de 6.300 €. Neste caso, a contía da axuda será o resultado de dividir a dita contía máxima entre o número de persoas beneficiarias.

Documentación (orixinal ou copia compulsada):

  1. Pasaporte ou documento de identidade en que consten os seus datos persoais para solicitantes que non teñan DNI. No caso de que a persoa solicitante sexa menor de idade ou estea incapacitada, a solicitude farase a nome do menor ou incapaz e será asinada polo seu representante legal. Neste caso deberá acreditarse a representación fidedigna por calquera medio válido en dereito.
  2. Documentos xustificativos do nacemento en Galicia, e no caso de que a persoa solicitante fose cónxuxe, ou persoas con relación análoga á conxugal ou fillos/as dunha persoa galega e nacida en Galicia, documento que acredite o seu vínculo con esta.
  3. Libro de familia completo da persoa solicitante, ou documentación acreditativa dos vínculos de parentesco co resto dos membros da súa unidade familiar, se é o caso. Na súa falta, achegarase certificado de matrimonio, ou certificación do Rexistro de Parellas de Feito, sempre e cando non poida ser expedido pola Xunta de Galicia, así como os certificados de nacemento dos fillos/as da persoa solicitante.En caso de separación legal ou divorcio, ou disolución dunha parella de feito, achegarase a correspondente sentenza xudicial firme ou certificación rexistral.
  4. Certificación municipal de data actual, emitida polo concello galego de residencia da persoa solicitante que acredite a convivencia dos membros da unidade familiar.
  5. Certificado de persoa emigrante retornada, expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno, baixa consular ou calquera outra documentación que acredite fidedignamente a data de retorno a España, así como o tempo de residencia no estranxeiro durante un mínimo de tres anos ininterrompidos inmediatamente anteriores á data do seu retorno a España.
  6. Certificación actualizada de vida laboral expedida pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social da persoa solicitante e dos demais membros da unidade familiar, se é o caso.
  7. Certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos económicos e rendas de calquera tipo correspondente aos dous meses anteriores ao da presentación da solicitude da persoa solicitante e da súa unidade familiar, tal e como se recolle no artigo 4.1.d).
  8. Documentación acreditativa do valor dos bens, mobles ou inmobles da persoa solicitante e da súa unidade familiar, a excepción da vivenda habitual, tal e como se recolle no artigo 4.1.e).
  9. Informe médico actualizado expedido polos servizos públicos de saúde, no caso de alegar enfermidade grave ou moi grave.
  10. Certificado expedido polo órgano competente que acredite o grao de discapacidade ou dependencia, no caso de alegar tal circunstancia, só no caso de que non fosen recoñecidos pola Xunta de Galicia, ou tamén polo Imserso no caso de alegar dependencia.
  11. No caso de alegar ser vítima de violencia de xénero, deberá acreditar tal situación mediante sentenza, orde xudicial de protección, informe do Ministerio Fiscal ou informe socio-ambiental emitido por un organismo oficial.

A Secretaría Xeral da Emigración poderá solicitar dos servizos sociais comunitarios do concello onde teña fixada a residencia o/a solicitante, a emisión dun informe social en que se reflicta a súa situación familiar, sociolaboral e económica co fin de ter un maior e adecuado coñecemento das devanditas situacións. Os servizos sociais poderán remitir este informe xunto coa solicitude e o resto da documentación necesaria para a súa valoración, sen mediar solicitude previa da secretaría xeral, cando a persoa solicitante utilice estes servizos como apoio para a tramitación da axuda.

Prazo de presentación:

Ata o 31 de agosto de 2017, incluído.

Información:

  • Departamento de Servizos Sociais, Concello de Curtis. 981789003

Documento das axudas en PDF: pdf

 

 

Axudas dirixidas a entidades agrarias, labregas e sen ánimo de lucro

bop copyNo Boletín Oficial da Provincia do día 10 de marzo se fixeron públicas as axudas dirixidas a entidades agrarias, labregas, pesqueiras e entidades sen ánimo de lucro da Deputación Provincial da Coruña para o exercicio 2017 que se especifican a continuación:

 

  • 2017/1818 Aprobación das bases específicas reguladoras da convocatoria do programa de subvencións dirixido a entidades asociativas agrarias e labregas da provincia da Coruña para a realización de actividades duranteo o ano 2017. (FO028A)
  • 2017/1819 Aprobación das bases especificas reguladoras da convocatoria do programa de subvencións dirixido a entidades asociativas agrarias e labregas da provincia da Coruña para investimentos durante o ano 2017 (FO028B)
  • 2017/1817 Aprobación das bases específicas da convocatoria do programa de subvencións FOENIA, dirixido a entidades sen ánimo de lucro da provincia da Coruña para a realización de investimentos de promoción económica durante o ano 2017.
  • 2017/1812 Aprobación das bases específicas do programa de fomento pesqueiro dirixido ás confrarías de pescadores e agrupacións de mariscadoras da provincia da Coruña para actividades durante o exercicio 2017 (FO027A)
  • 2017/1814 Aprobación das bases específicas do programa de fomento pesqueiro dirixido ás confrarías de pescadores e agrupacións de mariscadoras da provincia da Coruña para investimentos durante o exercicio 2017 (FO027B)

Máis información no BOP Núm 47, do 10 de marzo de 2017.

 

 

Subvencións destinadas á renovación total ou parcial de ascensores

Plan Renove ascensores


ascensores 2017Normativa

ORDE do 27 de xaneiro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións destinadas á renovación total ou parcial de ascensores existentes pertencentes a comunidades de propietarios de edificios de vivendas en réxime de propiedade horizontal, radicadas na Comunidade Autónoma de Galicia (Plan Renove de ascensores), e se convocan para o ano 2017 (código do procedemento IN532A). (DOG nº 45 do 6/03/2017)

Obxecto

Incentivar a renovación total ou parcial de ascensores existentes pertencentes a comunidades de propietarios de edificios de vivendas en réxime de propiedade horizontal radicadas na Comunidade Autónoma de Galicia.

Estes investimentos en renovación de ascensores deberán permitir unha redución anual, cando menos, do 35 % no uso da enerxía convencional ou un incremento xustificable na seguridade.

Gastos subvencionables

Custos en equipamentos, materiais, obra civil, man de obra e os impostos indirectos asociados para a reforma e posta en servizo do ascensor, de xeito que este quede operativo. Estes gastos deberán corresponder de maneira indubitativa coas actuacións subvencionables.

Os gastos subvencionables deberán ser ofertados, presupostados, realizados e efectivamente pagados entre o 1 de xaneiro de 2017 e a data límite establecida para a presentación da documentación xustificativa da subvención (15 de novembro de 2017).

Non se considerarán subvencionables as actuacións cun investimento inferior a 5.000 euros por ascensor.

Contía

O importe da axuda será dun 50 % do investimento subvencionable por ascensor pero en ningún caso, baixo esta convocatoria, poderá concederse unha subvención superior a 10.000 euros por ascensor e 20.000 euros por comunidade.

Beneficiarios

Comunidades de propietarios de edificios de vivendas en réxime de propiedade horizontal, radicadas na Comunidade Autónoma de Galicia e legalmente constituídas de acordo cos artigos 2º e 5º da Lei 49/1960, do 21 de xullo, sobre propiedade horizontal, sempre que nelas concorran as circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e estean ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Documentación

Solicitude | Presentación electrónica na sede

Documentación xurídico-administrativa da comunidade solicitante:

  • NIF da comunidade de propietarios en vigor (non será necesaria a súa compulsa cando conteña o código seguro de verificación que cumpra co disposto no artigo 18º.1.b) da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos electrónicos).
  • Acta onde conste o nomeamento do presidente ou certificado expedido polo secretario da comunidade referente a este aspecto.
  • Acta onde conste o acordo da xunta de propietarios, coa maioría legalmente establecida, para solicitar a subvención ou certificado expedido polo secretario da comunidade referente a este aspecto. No caso de que o solicitante denegase expresamente a autorización ao órgano xestor, certificacións expedidas polos organismos competentes acreditativas de estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Documentación xustificativa dos investimentos:

  • Memoria descritiva das actuacións subvencionables realizada pola empresa mantedora/conservadora na cal se xustifiquen os aforros enerxéticos ou o incremento da seguridade.
  • Orzamento desagregado e detallado dos investimentos.
  • Cando resulte de aplicación,copia das tres ofertas solicitadas e, en caso de non se optar pola máis vantaxosa, memoria xustificativa da elección. No caso de non presentar as ofertas por concorrer algunha das circunstancias indicadas na citada base, deberase indicar o motivo.

Prazo de presentación de solicitude

Tres meses contados desde o día seguinte ao da publicación da orde. Ata o 8 de maio de 2017, por ser o día 6 inhábil.

Máis información

Consellería de Economía, Emprego e Industria. Dirección Xeral de Enerxía e Minas, a través dos seguintes medios:

  1. Páxina web oficial da consellería: http://ceei.xunta.gal
  2. O teléfono da devandita dirección xeral: 981 95 71 87 ou 981 54 55 72,
  3. O enderezo electrónico: Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.,

Máis información: Servizos Sociais Curtis. Telf. 981 789 003

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.