O Concello de Curtis impulsará a hostalaría, o comercio e a música tradicional na XIX Exaltación dos Cogomelos de Teixeiro
- Os días 27 e 28 de outubro organizarase a V Feira do Comercio Local de Teixeiro e as rutas gastronómicas en Curtis e Teixeiro.
O municipio de Curtis celebrará un dos seus produtos estrela, o cogomelo e as decenas de variedades que crecen nos seus montes, o último fin de semana deste mes de outubro, os días 27 e 28, na que será xa a XIX Exaltación dos Cogomelos en Teixeiro.
Organizada desde a área de Promoción Económica do Concello, incluirá un ano máis accións de impulso da hostalaría, o comercio e a música popular, ao mesmo tempo que incidirá nos aspectos didácticos con expertos e con saídas ao monte co fin de programar unha oferta variada para os centos de afeccionados á micoloxía e aos amantes da gastronomía relacionada con este produto.
Así, durante ese fin de semana, a vintena de locais de hostalaría de Curtis e Teixeiro que se sumaron á ruta gastronómica ofrecerán a oportunidade de degustar distintas tapas, petiscos e pratos elaborados con cogomelos, desde os máis tradicionais aos máis arriscados. Ademais, os visitantes poderán coñecer o mellor comercio de Teixeiro xa que a Asociación de Comerciantes organizará a súa V Feira Local, para a que instalará unha gran carpa na Praza de España con decenas de expositores.
O sábado será a xornada para as charlas micolóxicas, que se impartirán ás 10.00 horas no salón de plenos do Concello, antes da saída ao monte á procura de cogomelos dirixida por expertos micólogos da Asociación Pan do Raposo, á que están convidadas a participar todas as persoas interesadas.
Pola tarde, ás 20.00 horas, celebrarase o V Dakar Ghaiteiro, e a partir das 22.00 horas, a VIII Ruada de Teixeiro, organizada pola asociación cultural Faragulla en casa Miraz, con distintos grupos de cante e baile tradicionais.