As piscinas municipais de Curtis e Teixeiro abren este venres a tempada de baño para lecer e cursos de natación

As piscinas municipais de Curtis e Teixeiro inauguran a tempada de baño deste verán o venres, 19 de xuño, a partir das 15:00 horas. As instalacións permanecerán abertas ata o 31 de agosto, os sete días da semana, en horario continuado de 12:00 a 20:00 horas.
Ademais da oferta de lecer, o Concello pon en marcha os Cursos de Natación 2026, que se desenvolverán durante os meses de xullo e agosto nas piscinas das dúas localidades. A oferta inclúe tres modalidades: iniciación, perfeccionamento e aquagym, cun prezo de 20 euros ao mes.
As clases impartiranse os martes e xoves en Curtis e os luns e mércores en Teixeiro. Os horarios aproximados estableceranse en función dos grupos o primeiro día de clase, aínda que, aproximadamente, o de iniciación comezará ás 12:15 horas, o de perfeccionamento ás 13:00 horas e o de aquagym ás 13:45 horas. Os grupos terán un mínimo de 8 persoas e un máximo de 15.
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 23 de xuño. As solicitudes poderán presentarse nas oficinas municipais ou na sede electrónica. Unha vez comunicada a admisión, as persoas participantes deberán realizar o pagamento antes do día 1 de cada mes, xa que de non facelo poderán perder a praza.
