O Concello de Curtis sinaliza os Camiños Escolares para impulsar a mobilidade autónoma e segura dos menores
- O Goberno local busca recuperar as rúas para os máis pequenos e promover entre eles hábitos de vida saudables.
O Concello de Curtis finalizou esta semana a sinalización de Camiños Escolares nos núcleos urbanos de Curtis e Teixeiro para fomentar o desprazamento a pé ou en bicicleta dos menores aos centros educativos promovendo que se poidan mover con maior autonomía e seguridade.
Os nenos e nenas distinguirán estas rutas preferentes porque estarán indicadas coa figura dun tren que os irá levando polos itinerarios viarios máis seguros.
O proxecto, impulsado desde a área municipal de Deportes, tamén busca promover a mobilidade dos máis pequenos, o camiñar e pedalear, favorecendo o desenvolvemento dunha actividade física cotiá e hábitos de vida saudable, con menos obesidade e mellor saúde. Outra das metas é recuperar as rúas para os nenos, que vaian ao colexio sós ou con amigos, favorecendo a súa autoestima, a socialización e o proceso de aprendizaxe por medio da interacción e a cooperación.
Campaña informativa
O Concello informará desta iniciativa a todo o colectivo escolar e aos pais e nais a través de talleres e de folletos informativos.
A acción enmárcase na Estratexia para a Promoción da Saúde e Prevención no SNS, na que participa o Concello de Curtis e que impulsa o Ministerio de Sanidade a través da FEMP e da súa Rede de Cidades Saudables, á cal tamén pertence a administración curtiense.