A XUNTA INVESTIRÁ MÁIS DE 1,3 M€ NAS OBRAS DA 1ª FASE DE MELLORA INTEGRAL DA TRAVESÍA DE TEIXEIRO, EN CURTIS, QUE SE INICIARÁN NA PRIMAVERA
Curtis (A Coruña), 2 de decembro de 2022.- A Xunta investirá máis de 1,3 M€ nas obras da primeira fase de mellora integral da travesía de Teixeiro, no concello de Curtis, que se iniciarán na primavera.
Así o avanzou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, na presentación hoxe en Curtis deste proxecto na estrada autonómica AC-231, que conecta coa N-VI e vai a Sobrado, na travesía de Teixeiro, coincidindo coa licitación das obras.
Acompañada do alcalde, Javier Caínzos, Vázquez Mourelle informou que a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe o inicio da contratación dos traballos de mellora integral desta travesía, actuando nesta primeira fase ao longo de case 500 metros da AC-231, que se suman aos outros preto de 500 de intervención no Camiño do Centro Etnográfico, ao carón da vía autonómica.
Deste xeito, a conselleira precisou que a Xunta vai mellorar os servizos e o firme da calzada, actuando nun treito de preto de 1 km de lonxitude, en dúas zonas diferenciadas.
Por unha banda, na propia vía autonómica, ao longo de preto de 500 metros da AC-321, comezaranse os traballos polos servizos que non se ven: renovando as redes de abastecemento e de saneamento, executando rede de pluviais e sistema de drenaxe. Isto, puntualizou a conselleira, permitirá evitar avarías e roturas frecuentes das redes, que provocan encharcamentos que acaban socavando o terreo e derivan no afundimento da estrada.
A continuación, renovaranse as beirarrúas, dotándoas dun ancho mínimo de 1,8 metros, para garantir a accesibilidade e favorecer a mobilidade dos veciños. E, ademais, ampliaranse os espazos nas zonas dos pasos de peóns para mellorar a visibilidade, actuando, tamén, sobre o firme onde sexa necesario.
Procederase á canalización da rede de servizos: iluminación, telecomunicacións, electricidade. Isto, tal e como apuntou Ethel Vázquez, redundará nunha mellora estética desa contorna, moi urbanizada, xa que agora estes servizos, na súa meirande parte, van mediante tendidos aéreos e grapados nas fachadas das edificacións.
A conselleira explicou que se prevén actuacións complementarias de mellora da seguridade viaria, de integración urbana e dotación de mobiliario, como bancos, papeleiras e axardinamento.
A titular de Infraestruturas detallou, tamén, a outra zona de actuación, que se corresponde co Camiño do Centro Etnográfico, ao carón da vía autonómica, nun treito de preto de 500 metros. Neste caso, dixo, a intervención centrarase no acondicionamento do aparcadoiro, co fresado e disposición dunha nova capa de firme; e coa disposición de novas instalacións de pluviais ata conectar co colector existente.
A conselleira destacou que a intervención permitirá ademais de acondicionar a estrada no treito de actuación, mellorar a drenaxe e as redes de saneamento e abastecemento municipais, que van soterradas e que están moi deterioradas. Isto, engadiu, causa filtracións ao terreo que ocasionan problemas de estabilidade e afundimentos no firme da propia estrada e supoñen molestias para os vehículos e os peóns.
Segundo apuntou, esta actuación de mellora viaria na AC-231, na travesía de Teixeiro, tamén permite á Xunta a axudar ao Concello a eliminar fugas na súa rede de abastecemento e os problemas de filtracións na rede de saneamento, contribuíndo, de xeito indirecto, a unha xestión máis eficiente dos servizos da auga.
As empresas interesadas en executar as obras teñen de prazo ata o vindeiro 28 de decembro para presentar as súas ofertas. A partir de aí, segundo dixo a conselleira, continuará a tramitación para que iniciar as obras na primavera, cun prazo de 12 meses.