Numeracion Curtis logos

Greenalia inicia o proxecto para producir fuel verde no polígono de Teixeiro cun investimento de 200 millóns

  • A empresa galega, en alianza coa alemá P2X-Europe, xa solicitou a tramitación exprés dun planta que xerará 50 empregos directos na súa primeira fase.

Curtis-Teixeiro, de 24 de outubro de 2023-. Cinco meses despois do acordo de colaboración asinado entre a enerxética Greenalia e a alemá P2X-Europe, ambas as empresas xa iniciaron a tramitación do proxecto co que lanzan un investimento de 200 millóns de euros en territorio galego. Trátase da construción dunha factoría para a fabricación de combustible sintético para o sector da aviación, nas instalacións que a compaña galega ten e Curtis-Teixeiro e na que xa dispón dunha central de biomasa.

Esta planta é unha peza esencial para o desenvolvemento do proxecto —bautizado como Breogán— xa que nela se obterá CO2 biogénico. Este compoñente, xunto co hidróxeno verde que se producirá nas futuras instalacións, servirá para a elaboración do cru sintético. Durante a primeira fase desta industria, fabricaranse 11.000 toneladas ao ano de hidróxeno verde e capturaranse ao redor de 70.000 de CO2. Ambos serán empregados para a produción de 20.000 toneladas de crus sintéticos listos para ser refinados e convertidos, por unha banda, en fuel verde, e por outro, en ceras sintéticas para a industria química e farmacéutica.

Os conselleiros delegados de Greenalia e P2X-Europe, Manuel García e Detlev Woesten, respectivamente, presentaron este luns os detalles desta actuación industrial á conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana, quen manifestou o seu respaldo ao que cualificou de «proyectazo» por canto non só expande o tecido empresarial da comunidade, senón que tamén contribúe a proporcionar un produto para cuxa elaboración son necesarias fontes renovables. A compaña galega entende que con esta aposta dá un paso notable no proceso de descarbonización e ademais integra toda a cadea de valor: «Inclúe desde o abastecemento de materias primas, que se inicia no monte coa recollida da biomasa, pasando pola produción de hidróxeno e a reacción de síntese, ata a introdución no mercado e a comercialización de produtos finais mellorados», subliña.

Manuel García incidiu na posición «privilexiada» que presenta Galicia para o desenvolvemento de actuacións como esta. «Dispomos de terreos, con 145.000 metros cadrados, conexión á rede eléctrica, auga e CO2, e un socio que, ademais de solvente, é líder na fabricación deste tipo de combustible», afirmou.

P2X-Europe, integrada por unha empresa enerxética e outra química, contan xa cunha planta piloto en Alemaña que produce 350 toneladas ao ano de fuel sintético, que destina ao sector do transporte por estrada. A fabricación da factoría de Curtis-Teixeiro acadaría na primeira fase as 20.000 toneladas anuais. Detlev Woesten puxo en valor a aposta de «Galicia por ser unha rexión líder en Europa» e subliñou que a cooperación con Greenalia «ofrecerá grandes sinerxías en canto a enerxías renovables e produción de hidróxeno verde», entre outros.

A alianza xermano-galega persegue favorecer a descarbonización na industria aeronáutica, que mantén unha elevada dependencia dos combustibles fósiles. Emite o 12 % das emisións totais de CO2 do sector.

Postos de traballo

A conselleira de Economía desvelou que o proxecto Breogán implicará a creación de 50 postos de traballo directos na fase de operación, aínda que durante a construción se acadarán picos máximos de 350. Lorenzana reiterou a súa demanda ao Goberno central para que reforme a planificación eléctrica nacional, co fin de incluír novas redes e estacións que garantan que as grandes factorías proxectadas na comunidade terán acceso á enerxía que necesitan para desenvolver os seus procesos produtivos.

2023102322320748057

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.