Numeracion Curtis logos

O CONCELLO DE CURTIS IZA A BANDEIRA VERDE

A Xunta entregou esta semana a Bandeira Verde de Galicia ao Concello de Curtis para recoñecer o seu compromiso co medio ambiente e a posta en marcha de actuacións ambientais que contribúen tamén á conservación da paisaxe.

O director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador, que entregou o
distintivo ao alcalde do municipio, Javier Francisco Caínzos, lembrou que é a terceira vez
que recibe este recoñecemento froito do impulso de distintas accións a prol do medio
ambiente. Entre elas están o feito de dispoñer dunha estratexia de sostibilidade ambiental,
o plan para instalar luminarias LED en todo o municipio ou a súa adhesión ao pacto polo
clima e enerxía sostible.

As bandeiras verdes son un distintivo creado pola Xunta de Galicia en 2020 para dar
visibilidade ao esforzo que as entidades locais realizan na aposta por boas prácticas para
ordenar o territorio, protexer o medio ambiente e a paisaxe; para afrontar o cambio
climático e mellorar a eficiencia enerxética; para xestionar de xeito responsable os
residuos municipais e para sensibilizar a cidadanía nesta materia.

A concesión deste recoñecemento supón ademais un mérito para a obtención de
subvencións en materia de patrimonio natural ou -como novidade desta edición- para
recibir axudas autonómicas relacionadas coa xestión dos residuos a través de actuacións
como a construción e mellora de puntos limpos fixos, a implantación de instalacións
móbiles ou o impulso de proxectos de preparación para a súa reutilización.

Estes distintivos mostran o compromiso dos concellos coa protección do medio ambiente e
coa xestión sostible dos recursos, unha cuestión coa que as entidades locais están cada
vez máis comprometidas. De feito, desde 2020 o número de bandeiras entregadas foi
aumentando de xeito constante ao pasar das tres aprobadas nesa primeira edición ás 18
concedidas este ano.

231128 IET bandeira verde Curtis

231128 IET bandeira verde Curtis 2

IMG 2900

 

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.