INAUGURACIÓN CASA-MUSEO MARÍA ANTONIA DANS
Curtis, 13 de marzo de 2024-. No día de hoxe inaugurouse a primeira casa-museo en Galicia dunha pintora galega, trátase da nosa veciña María Antonia Dans.
O acto foi presidido polo Presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda e o alcalde do Concello de Curtis, Javier Caínzos. Ao evento tamén asistiron o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez; o Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o Presidente da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, José Antonio Santiso, o Deputado de Réxime Interior da Deputación da Coruña, José Ramón Rioboo; Delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Severino Álvarez; membros do equipo de goberno e da corporación municipal; membros da familias entre os que se encontraban varios sobriños de María Antonia; representantes das Asociacións do Concello e veciños.
A inversión para a compra da parcela urbana (vivenda, estudo e almacén) foi de 53.000 euros. E os custos de rehabilitación foron dun total de 487.160,75 euros dos cales a Xunta fixo unha aportación de 247.171,33 euros; o Concello de Curtis 219.010,16 euros e a Deputación de A Coruña 54.286,82 euros.
No acto o presidente da Xunta puxo á pintora como exemplo ao representar unha das creadoras máis singulares da historia recente de Galicia. “Polo que supón no panorama artístico en Galicia, por toda a súa obra pictórica, por todo o que representou... Dans manda, como fan os grandes artistas, mensaxes a través da súa obra”, indicou.
Pola súa parte o alcalde destacou “María Antonia Dans é unha das nosas grandes artistas, a súa obra é universal e merece un recoñecemento especial de Galicia e por suposto do Concello de Curtis, onde pasou longas etapas da súa vida. Coincidindo co centenario do seu nacemento 1922-2022 iniciamos un proxecto no que se implicaron 3 administracións, Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e Concello de Curtis para facer realidade a primeira casa-museo dunha pintora galega”.
Rioboo subliñou que "a súa traxectoria e o seu amor por unha Galicia omnipresente na súa obra merecen un espazo como este: rehabilitado, pensado e minuciosamente deseñado para gozar en plenitude da súa obra. O lugar onde todo empezou, onde forxou a súa vocación e o seu gran talento artístico"