UV BANNER Curtis 2023 web

Rueda pon en valor a capacidade de Galicia de ser líder no sector TIC coa futura posta en marcha dun gran Centro de Datos en Curtis

  • Salienta que este tipo de centros “son a industria do futuro” e o que “van demandar
    cada vez máis as empresas”.
  • Destaca a aposta da Xunta por axilizar os trámites á hora de poñer en marcha un
    proxecto empresarial, sendo unha “Administración aliada” e que garante o
    cumprimento da normativa. 

Curtis (A Coruña), 11 de outubro de 2024.- O presidente da Xunta, Alfonso Rueda,
salientou hoxe a capacidade de Galicia para ser líder no sector das TIC a través de
iniciativas como a posta en marcha do primeiro gran centro de procesamento de datos da
comunidade, que se vai instalar no concello coruñés de Curtis.

Durante unha visita a parcela na que se ubicará o Green Data Center -promovido por
Ingenostrum e a sociedade Impulsa Galicia-, Rueda salientou que se trata dun proxecto
importante para a comunidade, subliñando que este tipo de centros “son a industria do
futuro” e o que “van demandar cada vez máis as empresas”.

O presidente fixo fincapé no compromiso da Xunta en apoiar os investimentos
empresariais e industriais que son estratéxicos para a economía galega. Nesta liña,
lembrou que o Executivo autonómico aposta pola desburocratización e axilizar os trámites.
“Calquera empresa que queira vir aquí a Galicia, ou que estea en Galicia e queira apostar,
crecer, transformar, ou ampliarse, aquí ten unha Administración aliada”, remarcou Rueda,
quen tamén apuntou que, de igual modo, “imos ser moi esixentes, e non poderá ir adiante
nada que non cumpra estritamente” coa normativa.

Pola súa parte o alcalde do Concello de Curtis, Javier Caínzos, salientou esta mañá: “Aquí e hoxe temos un exemplo de como dar resposta ás demandas e necesidades do sector empresarial e de novos emprendedores”. Engadiu, ademais, que a xeración de emprego é a prioridade e o compromiso do goberno local.

A Administración autonómica ten en marcha a Oficina Económica de Galicia, unha xanela
única na que os empresarios teñen resposta en 24 horas cando presentan os seus plans
de negocios. Ademais, a Xunta conta cun Plan de aceleración de proxectos industriais
para que as iniciativas estratéxicas poidan poñerse en marcha nun prazo máximo dun ano
e, desde esta mesma semana, as empresas xa poden solicitar solo industrial a custo cero
durante os primeiros oito anos en réxime de dereito de superficie.

Centro de datos 

O futuro gran centro de datos que se ubicará en Curtis supón un investimento de 51
millóns de euros e dará emprego a máis de 150 traballadores entre construción e
funcionamento. Terá unha capacidade suficiente para almacenar datos das empresas e
entidades públicas que o soliciten cun alto nivel de confiabilidade e dispoñibilidade.

WhatsApp Image 2024 10 11 at 13.34.21

 

 

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.