PROXECCIÓN DO DOCUMENTAL BRAVÚ XXXX
O venres 8 de novembro no Edificio de Usos Múltiples de Teixeiro proxectarase o documental Bravú XXXX. Proxección gratuita e sen límite de aforo,
Producido por Nós Televisión polo 30 aniversario do movemento bravú, con apoio da Deputación, está dirixido por Xurxo Souto, exlíder dos Diplomáticos de Monte Alto que exerce de guía nunha viaxe por localidades galegas destacadas no mundo do cosmo bravú para achegarnos este movemento dende dentro da nosa historia musical.
O documental comeza en Pontevedra cunha renovada versión do Estou na lavadora da man das mozas de Rager. Dende a alí Souto viaxa á Coruña para encontrarse con Paola Beiros das Garotas da Ribeira, Nuno Pico (Grande Amore) e Xosé Manuel Pereiro (Radio Océano). A continuación reúnese con Sés en Compostela e en Vigo, cos Vacaloura de Teis.
A viaxe remata na Taberna Caballero, na aldea de Viana, en Chantada, lugar onde se iniciou o movemento, no marco daquel I Castañazo Rock, e que os protagonistas etiquetaron para si mesmos, o bravú. Os confundadores do movemento, Rafa Martínez (O Caimán do Río Tea), Benxamín Queiro (Impresentables de Vimianzo), Antón Díaz, dos Papaqueixos, e Richi, dos Rastreros pechan trinta anos despois do nacemento o círculo con reflexións do que supuxo para eles este fito da nosa historia musical: “Grupos de música cantando en galego e sobre temas das súas propias vidas, poñendo a aldea e os arrabaldes das cidades no centro”