O CONCELLO DE CURTIS CELEBRA UNHA NOVA SESIÓN DA MESA DE COORDINACIÓN CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO
O Concello de Curtis celebrou este luns, 5 de maio, unha nova sesión da Mesa de Coordinación contra a Violencia de Xénero, o principal organismo de planificación estratéxica e coordinación institucional no ámbito da loita contra a violencia machista na comarca.
A sesión tivo lugar no salón de actos da Oficina Municipal de Curtis e presidiuna o alcalde, Javier Cainzos. Contou coa participación de representantes de diferentes ámbitos e entidades, entre os que se atopaban Patricia Fernández López, subdirectora da Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia; Ana Piorno, xuíza do Xulgado con competencias en violencia sobre a muller do partido xudicial de Betanzos; o Director do centro penitenciario, José Angel Vázquez; a médica de Sobrado dos Monxes, Alba Díaz; os directores e directoras dos centros de ensino do municipio; representantes da Garda Civil; a Concelleira de Igualdade e Benestar, Eva Lata; a directora, a psicóloga e a avogada do CIM; as técnicas de servizos sociais do Concello de Curtis; e técnicas do Concello de Sobrado dos Monxes e Vilasantar, etc.
Esta mesa ten carácter aberto, o que permite a incorporación de novos membros e entidades que desexen sumarse ao compromiso común de erradicación da violencia de xénero.
Durante a sesión abordáronse modificacións na estrutura e funcionamento da Mesa, coa implantación de mesas sectoriais formais por ámbitos de actuación. Esta medida, proposta tras accións formativas da Secretaría Xeral de Igualdade, busca dinamizar e facer máis operativas as sesións, mantendo a actual Mesa de Coordinación como foro xeral de traballo no que se aprobarán liñas comúns de actuación e solucións a problemáticas transversais.
Un dos puntos centrais foi a exposición das pautas de actuación do equipo VIOGEN de Betanzos, a cargo do axente José De Diego, quen explicou o procedemento dende a recollida da denuncia ata o control e seguimento dos casos. A súa intervención puxo de manifesto a importancia dunha resposta coordinada, rápida e sensible por parte das forzas de seguridade.
Tamén se comunicou a revisión do Protocolo de Actuación contra a Violencia de Xénero do Concello de Curtis, co obxectivo de actualizar e adaptar o documento ás novas necesidades detectadas polos profesionais e mellorar a coordinación interinstitucional.
Como en cada convocatoria, a Mesa traballa para mellorar a coordinación entre os servizos que atenden ás vítimas, optimizar recursos, evitar duplicidades e avanzar na formación do persoal. Así mesmo, promóvese a sensibilización tanto da cidadanía como dos profesionais, fomentando unha sociedade libre de violencia e baseada na igualdade.
A Mesa de Coordinación reúnese de forma ordinaria anualmente e constitúe un espazo chave para reforzar a resposta institucional fronte á violencia de xénero, garantindo unha atención eficaz, coordinada e centrada nas vítimas.