O Concello de Curtis realiza un inventario de danos pola saraibada do 24 de xuño
O Concello de Curtis está a elaborar un inventario oficial de danos para coordinar e tramitar as posibles axudas tras a forte saraiba caída onte en Teixeiro e aldeas limítrofes, que provocou danos en cubertas de vivendas, edificios, vehículos e hortas.
Ante esta situación, desde o Concello solicítase aos afectados que comuniquen os desperfectos coa maior brevidade. Para facelo, deben facer constar os seus datos persoais (dirección exacta da vivenda, finca ou lugar no que estaba o vehículo); descrición dos bens afectados (teitumes/tellados), ventás, cultivos, coches, etc.; e probas gráficas (fotografías claras dos danos causados).
A documentación pódese presentar presencialmente no Rexistro do Concello (presentando todos os datos, a descrición escrita dos danos e as fotografías) de luns a venres en horario de 9.00 a 14.00 horas. Tamén se pode presentar de maneira online a través da sede electrónica ou correo electrónico ao enderezo oficial do concello: Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.
O prazo de presentación estará aberto ata o 8 de xullo.
Desde o Concello de Curtis recomendan non tirar nin reparar nada de forma definitiva antes de facer as fotos. En caso de ter seguro privado, recoméndase dar parte á compañía de inmediato e indicar que tamén se vai rexistrar no inventario municipal.
O Concello dispón dun informe meteorolóxico ao que pode acceder a cidadanía solicitándoo nas dependencias municipais.

