Castrolara presenta "El pulso que permanece" na Casa Museo Antonia Dans de Curtis do 2 de xullo ao 31 de agosto
A artista Castrolara presenta a súa nova exposición “El pulso que permanece”, que poderá visitarse na Casa Museo Antonia Dans de Curtis do 2 de xullo ao 31 de agosto de 2026. A presentación pública terá lugar o sábado 11 de xullo ás 11:45 horas.
A mostra reúne máis de trinta pinturas pertencentes a cinco series creadas ao longo de distintos momentos da traxectoria da artista: Orígenes, Silencios, Bocaditos de realidad, Reinas e Don't Stop the Music.
Aínda que naceron en tempos e circunstancias diferentes, todas elas comparten un mesmo fío condutor. Castrolara recoñeceu a presenza dun pulso constante que atravesa toda a obra: unha forza interior que acompaña o proceso de vivir, comprender, transformarse e seguir avanzando. O pulso que permanece xorde precisamente dese descubrimento. Cada pintura recolle unha experiencia, unha pregunta, unha intuición ou unha aprendizaxe. Lonxe de propoñer unha mirada exclusivamente biográfica, a exposición exponse como un espazo de encontro.
As obras actúan como espellos abertos á interpretación privado, permitindo que cada persoa atope resonancias distintas segundo a súa experiencia, os seus recordos e os seus propios procesos de vida.
O texto que recibe ao visitante na entrada, resume o espírito da mostra: unha invitación para percorrer o espazo sen présa, como quen se percorre por dentro, permitindo que algo se mova ou esperte.
“El pulso que permanece” fala daquilo que permanece vivo baixo os cambios e as circunstancias. Dese movemento silencioso que sostén a existencia e que cada persoa pode recoñecer en si mesma. A artista define a súa pintura como unha resposta a un impulso interno. Desde esa escoita nacen as obras que conforman esta exposición, concibida non só como unha mostra pictórica, senón como unha experiencia de contemplación e recoñecemento.
Sobre a artista
Castrolara é unha artista visual e pintora autodidacta cuxa obra nace da escoita dun pulo interno e da observación sensible da experiencia humana. A súa linguaxe poética caracterízase polo uso de cores vibrantes e saturadas, a riqueza das texturas e un delicado balance entre a figuración e a abstación.
Complementou a súa formación artística en técnicas de gravado na Fundación CIEC de Betanzos, onde obtivo o Primeiro Premio de Gravado concedido pola Fundación e a Deputación da Coruña.
Así mesmo, recibiu o Segundo Premio nun certame internacional de pintura rápida celebrado en Portugal. O seu traballo foi seleccionado en diversos certames e forma parte de coleccións particulares dentro e fóra de España, incluíndo Francia, Italia ou Xapón.
