O programa Ao teu Carón desenvolveu o taller de Dinámicas de Grupo e Risoterapia en Curtis e Teixeiro


O Concello de Curtis desenvolveu o taller de Dinámicas de Grupo e Risoterapia, enmarcado dentro do programa Ao teu Carón, unha iniciativa que reuniu a 50 persoas. A actividade levouse a cabo tanto en Curtis como en Teixeiro, achegando a proposta á veciñanza das dúas localidades.
Ao longo do ano, o programa Ao teu Carón atendeu un total de 88 persoas a través de diferentes actuacións. Entre elas figuraron as visitas domiciliarias, a atención telefónica e a participación neste taller grupal.
As sesións desenvolvéronse mediante actividades grupais, dinámicas participativas e xogos cooperativos, orientados a promover un envellecemento activo e o benestar das persoas maiores. Con elas traballáronse habilidades como a motricidade fina, a atención e a concentración, ademais de diferentes exercicios de estimulación da memoria.
O principal obxectivo do taller foi ofrecer un espazo de encontro e socialización que favorecese as relacións interpersoais, combatese o illamento e contribuíse ao mantemento das capacidades cognitivas, físicas e emocionais das persoas participantes, fomentando ao mesmo tempo un ambiente lúdico e de apoio mutuo.
