O Concello de Curtis abre un proceso de consulta á veciñanza de Teixeiro e aldeas limítrofes para estudar as alternativas para cruzar a vía

O Concello de Curtis abre un proceso de consulta á veciñanza de Teixeiro para recoller as súas achegas sobre as alternativas de permeabilidade da vía formuladas por Adif. Trala reunión informativa celebrada este xoves, á que asistiron máis de 100 veciños e veciñas, a cidadanía poderá trasladar as súas propostas a través dunha instancia habilitada para tal efecto.
O documento xa está dispoñible na web municipal e nas dependencias da Casa do Concello. Poderán participar as persoas empadroadas en Teixeiro ou nas aldeas limítrofes de Penedo-Teixeiro, Esmorique, Montealto, Abelar, Outeiro, Brexería, Gorxa e A Cancela, así como as persoas propietarias de inmobles na zona.
No caso de rexistrarse instancias que non cumpran este requisito, o Concello valorará igualmente se incorporar as solicitudes. Deste xeito, búscase facilitar a maior participación posible ao longo de todo o proceso de consulta.
Aínda que a consulta non ten carácter vinculante, o Concello impulsa a iniciativa como un exercicio de escoita aberta, coa vontade de que a veciñanza participe tamén na toma dunha decisión que impactará directamente á súa mobilidade e no día a día da vila.
Catro alternativas
En total, son catro as propostas sobre a mesa. Dúas delas consisten na instalación dun paso elevado, diferenciándose unha da outra na localización da infraestrutura. As outras dúas apostan por solucións soterradas, como o aproveitamento do paso inferior xa existente para vehículos, ou a construción dende cero dun paso inferior baixo a vía. De acordo coa proposta actual, a intervención escollida sería cofinanciada ao 50% entre Adif e o Concello mediante un convenio sometido a aprobación plenaria.
A data límite de participación é o 31 de agosto ás 23:59.
