EXAME BANER HORIZONTAL

O Concello de Curtis apoia a actualización do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega

AVISOS CURTIS 1

O Pleno do Concello de Curtis aprobou unha moción de apoio á actualización do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, co obxectivo de impulsar novas medidas que promovan o emprego do idioma en todos os planos da vida pública e retomar o diálogo na busca dun consenso para renovar o plan. O texto saíu adiante na sesión do pasado venres co voto favorable do grupo de goberno (PP), mentres que o BNG opúxose á proposta.

O texto aprobado remarca que ao longo da historia democrática de Galicia existiu "un escenario de consenso arredor da lingua", primeiro para a aprobación da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, e máis adiante para o impulso do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, "dous marcos reguladores que foron aprobados por unanimidade no Parlamento de Galicia".

Neste sentido, destaca que a Xunta vén de presentar "un documento con case 700 medidas para a actualización do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega", froito do traballo de máis de 130 profesionais de todos os sectores e de 1.400 achegas recibidas, tal e como cifra o documento. Conclúe reclamando que do debate político "xurda o consenso necesario para impulsar un novo marco regulador para o galego, o cal permita afrontar, como unha gran oportunidade, todos os retos de futuro que Galicia ten por diante".

Neste sentido, a moción recolle como acordos apoiar a actualización do plan “para o impulso de novas medidas que adapten o uso do idioma a todos os planos da vida pública”. Tamén “instar ás forzas políticas con representación no Parlamento de Galicia a retomar o diálogo co obxectivo de construír novos consensos sobre a política lingüística”, e dar traslado do acordo á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e aos grupos do Parlamento autonómico.

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.