EXAME BANER HORIZONTAL

O Concello de Curtis abre o 4 de setembro o prazo de inscrición para as actividades municipais do curso 2026-2027

actividades municipais 26 27

O programa de actividades municipais para o curso 2026-2027 do Concello de Curtis recollerá unha ampla oferta pensada para todas as idades. O prazo de inscrición estará aberto entre o 4 e o 21 de setembro, e as persoas interesadas poderán formalizar a súa solicitude na Casa do Concello en Teixeiro e na Oficina Municipal de Curtis.

O programa mantén unha extensa variedade de propostas repartidas entre as dúas localidades. No eido cultural e social, ofértanse actividades como informática, o obradoiro Educando en Familia, os campamentos urbanos, ou o club de lectura, entre outras. No ámbito deportivo, a oferta abrangue fútbol, fútbol sala, ximnasia artística e de mantemento, patinaxe, atletismo, pílates, ioga, baile, pádel e natación.

Proposta descentralizada

A boa acollida da pasada edición das actividades municipais avala este programa, que rexistrou unha elevada participación veciñal. Un ano máis, o Concello aposta por unha oferta descentralizada e accesible, con actividades tanto en Curtis como en Teixeiro e nas parroquias do rural, garantindo que toda a veciñanza teña acceso a propostas de calidade preto do seu domicilio.

Neste sentido, en Foxado, Paradela, Santaia, A Illana, San Roque de Xabriño e Fisteus organizaranse actividades como as de ximnasia de mantemento, obradoiros de memoria e prevención da demencia ou de labores, sempre que se conte cunha certa cantidade de persoas inscritas.

Prazo de inscrición

As actividades desenvolveranse ao longo do curso e comezarán o 1 de outubro. As inscricións realizaranse por orde de solicitude, cun mínimo de 10 e un máximo de 20 persoas por grupo. Terán preferencia as persoas empadroadas no municipio. Posteriormente ao prazo de inscrición, publicarase a lista de admitidos e admitidas. A información completa está dispoñible na páxina web municipal.

O alcalde do Concello de Curtis, Javier Caínzos, destacou "o éxito de participación acadado o curso pasado, que demostra que estamos ante un programa consolidado e moi valorado pola veciñanza". "Traballamos para ofrecer unha programación variada, de calidade e accesible para todos os públicos, tanto en Curtis como en Teixeiro", subliñou o rexedor.

Caínzos animou "a todas as veciñas e veciños a participar e a aproveitar esta oferta, que é froito do compromiso do goberno municipal coa cultura, o deporte e a conciliación familiar no noso concello, e que permite gozar de actividades de lecer e impulsar a convivencia entre os veciños e veciñas".

PREME NESTA LIGAZÓN PARA ACCEDER AO TRÍPTICO INFORMATIVO COA INFORMACIÓN COMPLETA!

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.