A XXVI Exaltación dos Cogomelos unirá micoloxía, gastronomía e cultura no concello de Curtis o 24 e 25 de outubro

O Concello de Curtis celebrará os días 24 e 25 de outubro a XXVI Exaltación dos Cogomelos, unha cita que pon en valor a riqueza micolóxica do noso territorio e a súa tradición gastronómica. A vila de Teixeiro acollerá o groso das actividades, aínda que a proposta implicará a hostelería de todo o municipio.
Durante ambas as xornadas desenvolverase unha ruta gastronómica polos locais de hostelería de Curtis e Teixeiro, na que os establecementos elaborarán pratos centrados nos cogomelos. Ademais, a praza de España de Teixeiro acollerá unha exposición de cogomelos aberta a toda a veciñanza que estará aberta os dous días.
Por outra banda, organizarase unha saída para recoller cogomelos a cargo de persoas expertas en micoloxía da Asociación Pan de Raposo. A actividade divulgativa partirá o sábado 24 ás 10:00 horas da praza de España de Teixeiro, e permitirá aos participantes coñecer de primeira man as especies da contorna.
Esa mesma xornada celebrarase a XI Ruada de Teixeiro na mesma praza, cun completo programa de sorteos e pinchos gratuítos. Neste sentido, habilitarase un espazo para pasar a noite. Ás 19:00 horas comezarán os cantos de taberna, aos que sucederá unha foliada aberta a partir das 21:30 horas.
A iniciativa está organizada polo Concello de Curtis, a través da Área de Feiras, Mercados e Sanidade, e a Asociación Cultural Faragulla, coa colaboración da Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña.
