O Concello insta á racionalización do uso da auga atendendo ao contexto de pre alerta e chama á calma
O Concello de Curtis insta novamente á racionalización do uso da auga atendendo ao contexto de pre alerta que está a vivir tanto este municipio como os da área. En todo caso, non existe un problema de escaseza ou falta de recursos hídricos, aínda que non por iso resulta innecesario “adoptar todas as medidas que estean nas nosas mans para frear o gasto dun ben que, nestes momentos, escasea”, apunta o alcalde, Javier Caínzos.

“A situación é sensible; a actividade doméstica e empresarial poderase desempeñar como de costume pero sempre atendendo á racionalización da auga debido á situación que estamos a atravesar”, incide o alcalde, Javier Caínzos.
A Administración local xa rogaba en dous bandos publicados o 16 e o 30 de xullo “máxima responsabilidade”, subliñando a importancia de “reducir na medida do posible o consumo diario” e “axustar o uso de auga exclusivamente ao estritamente necesario para os procesos esenciais”.
Nestes documentos xa se facía fincapé en que estaba totalmente prohibido o uso da auga potable procedente da rede pública para fins recreativos, ornamentais ou de limpeza que non sexan estritamente sanitarios, como encher piscinas, lavar coches ou regar hortas e xardíns.
Atendendo ao contexto empresarial, tamén se lles notificou a aquelas empresas con maior consumo de auga no Polígono Industrial Curtis-Teixeiro a reprogramar ou suspender temporalmente aquelas fases da produción que impliquen un alto consumo hídrico prescindible; adiantar ou executar as tarefas de mantemento e paradas técnicas programadas ou o aproveitamento de recursos acuíferos, de ser o caso, nas súas propias parcelas facendo as xestión necesarias para o seu aproveitamento.
“Desde o Concello facemos un chamamento á nosa sociedade, que xa amosou responsabilidade en contextos adversos, ao altruísmo e a que sexan conscientes de que a situación é sensible, non drástica”, asegura o alcalde, Javier Caínzos, quen insiste en que “pequenos actos a nivel individual e incluso colectivo poden supoñer unha gran diferenza”.
