EXAME BANER HORIZONTAL

O Concello de Curtis reforza o sistema de abastecemento e busca novas captacións no contexto de prealerta por seca

encoro da castellana

O Concello de Curtis continúa a reforzar as medidas para garantir o abastecemento de auga no contexto da prealerta por escaseza na cunca do río Mandeo declarada pola Xunta. A situación, marcada pola ausencia de precipitacións e uns niveis de caudal baixos, non implica de momento un problema grave de subministración, aínda que si aconsella extremar a prudencia no uso deste recurso.

Na liña das peticións xa realizadas nos bandos municipais do pasado mes de xullo, o Concello solicitou formalmente ás empresas de maior consumo unha redución proporcional do uso da auga para adaptar a demanda á situación actual e garantir a continuidade da actividade produtiva. Actualmente, as empresas están a seguir estas indicacións, o que está permitindo estabilizar o nivel do encoro da Castellana, do que se abastece o polígono industrial de Teixeiro.

Así mesmo, a empresa concesionaria do servizo está a intensificar a supervisión e a regulación do consumo tanto das industrias como dos aboados domésticos. Neste sentido, reitérase o chamamento á veciñanza e ao tecido empresarial para facer un uso responsable do recurso e lémbrase que seguen vixentes restricións como a prohibición de destinar a auga da rede a usos recreativos, ornamentais ou de limpeza non sanitaria.

Pola súa banda, o Concello está a mobilizar todos os recursos ao seu alcance para incorporar novas fontes hídricas á rede e reforzar a capacidade do sistema. O goberno municipal atópase estudando diferentes alternativas de captación, entre elas a localización de posibles acuíferos e a execución de pozos ou outras solucións que permitan dispoñer de novas fontes de auga. Por outro lado, o goberno municipal estuda cofinanciar a subministración complementaria que deban asumir as industrias con motivo desta situación, como é o caso da incorporación de auga mediante camións cisterna.

Esta situación dáse nunha circunstancia de escaseza excepcional de auga. Os informes meteorolóxicos xa viñan advertindo nos últimos meses dunha primavera moi seca e dunha anomalía negativa nas precipitacións. Esta situación está a trasladarse aos cursos fluviais, dificultando a recuperación dos niveis habituais de caudal e incrementando a presión sobre os sistemas de abastecemento, o que motivou a activación da situación de prealerta na cunca do Mandeo pola Xunta de Galicia.

 

Actuacións para reforzar a capacidade de abastecemento

Durante os últimos 25 anos, o sistema de abastecemento municipal foi ampliado e reforzado coa construción de dúas novas estacións de tratamento de auga potable (ETAP), a incorporación de tres novos depósitos reguladores e a reforma dun azud destinado á subministración do polígono industrial.

O Concello tamén executou recentemente, en colaboración con Augas de Galicia unha nova infraestrutura de captación mediante bombeo no encoro da Castellana, tendo en conta o crecemento poboacional e industrial do municipio. Con todo, a elevada sedimentación acumulada reduciu a capacidade útil do encoro arredor dun 60%.

A baixada do nivel do encoro pola seca dificultou a captación desde o pantalán no que se atopan as bombas. Para dar resposta a esta situación, o Concello habilitou unha pista de emerxencia e instalou unha batea de captación conectada mediante unha tubaxe coa localización das bombas, o que permite manter o fluxo de auga. A longo prazo, o goberno municipal xa estuda o dragado e limpeza do encoro para recuperar a súa capacidade.

O Concello continuará traballando na procura de novas alternativas que permitan incrementar a dispoñibilidade de auga e reforzar a capacidade do sistema ante a evolución da situación meteorolóxica e hidrolóxica. Así mesmo, dende o goberno municipal lémbrase que a situación require a colaboración de todos os usuarios e reitera o chamamento tanto á veciñanza como ás empresas para reducir o consumo ao máximo.

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.