O Concello de Curtis ampliará o ximnasio do pavillón municipal de Curtis

O Concello de Curtis xa concreta a reordenación e mellora do ximnasio do pavillón municipal de Curtis, co obxectivo de ampliar a sala de equipamento e máquinas. A actuación, que suporá un investimento de máis de 50.000 euros, permitirá aumentar a superficie deste espazo nun 21% ata os 188 metros cadrados, dando resposta á crecente demanda destas instalacións.
Trátase da primeira fase dun proceso de ampliación coa que o goberno municipal quere dotar o ximnasio de espazos máis amplos e cómodos para a práctica deportiva. En concreto, retiraranse a sala destinada a jacuzzi e sauna e un pequeno corredor, aumentando a superficie útil. A cabina de sauna conservarase na nova distribución.
Ademais, o goberno municipal renovará o espazo con diversos traballos complementarios, mellorando a instalación eléctrica, implantando un sistema de climatización e renovación do aire e reforzando as medidas de protección contra incendios. Os traballos xa están adxudicados e comezarán no mes de setembro.
O alcalde do Concello de Curtis, Javier Caínzos, sinalou que “cada vez contamos con máis usuarios no ximnasio, polo que a ampliación e modernización do espazo é unha actuación moi demandada”.
O rexedor avanzou que se está a traballar en máis intervencións no ximnasio de Curtis: “Esta é só a primeira fase dunha ampliación maior, e con ela queremos seguir mellorando as instalacións deportivas do noso concello”. Neste sentido, subliñou a aposta do goberno municipal pola promoción de hábitos de vida saudables entre a veciñanza a través dunha oferta de equipamentos públicos modernos para a veciñanza.

