EXAME BANER HORIZONTAL

A veciñanza escolle maioritariamente a terceira alternativa das catro propostas por Adif para cruzar a vía en Teixeiro

proposta ganadora

A veciñanza de Teixeiro pronunciouse maioritariamente a favor da terceira das catro alternativas propostas por Adif para cruzar a vía, unha solución ao problema de mobilidade orixinado polo peche das plataformas da estación. O Concello de Curtis recibiu un total de 202 solicitudes no proceso participativo, das que o 61% se corresponden con esa opción.

A alternativa escollida consiste na instalación dun paso inferior peonil con ramplas na localización do antigo paso a nivel, a uns 100 metros do fin das plataformas. Recibiu 123 instancias, fronte ás 72 do paso superior a carón da estación e as 7 do paso superior no antigo paso a nivel. A adaptación do paso inferior existente para vehículos non recibiu ningunha solicitude.

Aínda que non ten carácter vinculante, a consulta formulouse como un exercicio de escoita activa. O alcalde, Javier Caínzos, destacou o obxectivo do proceso, “que os veciños puidesen escoller a súa opción preferente e expresar a súa opinión”, algo que cualificou como “fundamental en decisións deste calado: que o Concello escoite o que teñen que dicir os seus veciños e veciñas”. 

O goberno municipal abriu o proceso tras unha reunión informativa do pasado 7 de agosto, na que se explicaron as alternativas formuladas por Adif para mellorar a mobilidade entre ambos os dous lados da vía. O peche que o administrador ferroviario executou nas plataformas da estación bloqueou o acceso ao paso a nivel peonil, o que dificultou a permeabilidade entre as dúas metades da vila.

A participación articulouse a través dun modelo de instancia no que a veciñanza empadroada en Teixeiro, e mais os propietarios de inmobles na localidade, podían propoñer unha das alternativas para que o goberno municipal a tivese en consideración.

O seguinte paso é debater as alternativas no pleno municipal, tendo en conta as preferencias da veciñanza, e someter unha proposta a votación para escollela de xeito definitivo. Unha vez aprobada pola corporación, trasladarase a Adif para desenvolver o proxecto.

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.