O Concello de Curtis realiza un estudo do Mercado de Curtis para avanzar cara á obtención do selo de Mercado Excelente
O Concello de Curtis recibiu unha subvención da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración por importe de doce mil euros, o que supón o 80% do orzamento máximo, destinada á elaboración dunha diagnose da situación e dos usos actuais do Mercado de Curtis, un estudo que está a desenvolver unha empresa de consultoría especializada. O estudo conta así coa financiación da Consellería.
Esta actuación ten como obxectivo coñecer en detalle o estado actual do mercado e identificar as posibles actuacións de mellora necesarias, tanto no que respecta ás súas instalacións como aos servizos que ofrece e ao seu modelo de xestión. Todo isto coa finalidade de establecer unha folla de ruta que permita avanzar progresivamente cara á obtención do selo de Mercado Excelente.
A elaboración do estudo e a diagnose iniciouse no mes de marzo de 2026 e está previsto que remate en novembro deste mesmo ano. Durante este período estanse a analizar os diferentes aspectos relacionados co funcionamento e os usos do mercado, co propósito de detectar as necesidades existentes e definir propostas de actuación adaptadas á realidade do equipamento municipal.
O resultado deste traballo permitirá ao Concello dispoñer dun documento de referencia para planificar e priorizar as futuras actuacións de mellora, establecendo as intervencións para reforzar o funcionamento, os servizos e o atractivo do Mercado de Curtis.
Con esta iniciativa, continuamos traballando na mellora dos espazos e servizos vinculados ao comercio local, apostando pola modernización e posta en valor do mercado.
