A Feira do Comercio Local súmase ao programa da XXVI Exaltación dos Cogomelos de Teixeiro, que contará con música e actividades micolóxicas

O Concello de Curtis, en colaboración coa Asociación do Comercio de Teixeiro e a Asociación Cultural Faragulla, organizan a XXVI Exaltación dos Cogomelos o sábado 24 e o domingo 25 de outubro na praza de España de Teixeiro. O programa combinará gastronomía, micoloxía, comercio local e música tradicional, co apoio da Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña.
Un dos grandes atractivos será a Feira do Comercio Local. A Asociación do Comercio de Teixeiro organiza esta feira nunha carpa instalada na praza de España, que contará tamén cunha zona de xantar. O sábado abrirá as súas portas ás 12:00 horas co pregón, seguido dun showcooking ás 13:00 e da actuación de Os Carecos ás 14:00. Ás 18:00 horas haberá un novo showcooking.
O domingo, a feira abrirá ás 11:00 horas e, media hora despois, acollerá outras dúas sesións de showcooking. Ás 13:30 actuará o grupo Asuntos Prohibidos e ás 18:00 será a quenda das pandeireteiras de Xacarandaina. A xornada rematará ás 19:00 horas cos sorteos e o peche da feira.
Foliada, sorteos e exposición de cogomelos
A noite do sábado estará protagonizada pola XIV Ruada de Teixeiro, que arrancará ás 19:00 horas na praza de España cunha “foliadiña”. De seguido terá lugar a foliada con grupos convidados e, ao remate, unha foliada aberta. A ruada contará con pinchos gratis, sorteos e un lugar habilitado para durmir.
Ademais, durante os dous días poderá visitarse unha exposición de cogomelos na praza de España. Tamén se desenvolverá unha ruta gastronómica polos locais de hostalaría de Curtis e Teixeiro. O sábado, ás 10:00 horas, partirá desde a praza de España unha saída de recollida de cogomelos guiada por expertos en micoloxía da Asociación Pan de Raposo.
As persoas interesadas na cita poden obter máis información na Casa do Concello en Teixeiro (981 789 003), na Oficina Municipal de Curtis (981 777 105), na web www.curtis.gal ou no correo Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo..
