EXAME BANER HORIZONTAL

Todo a punto para a VI Feira Exposición Playmobil, que abre este venres no Recinto Feiral de Curtis con grandes dioramas e milleiros de figuras

exposicion playmobil curtis

O Recinto Feiral de Curtis acolle esta fin de semana a VI Feira Exposición Playmobil, unha cita para públicos de todas as idades que combina xogo, coleccionismo e creatividade arredor das emblemáticas figuras. A mostra está organizada por PlaymoGalicia xunto co Concello de Curtis, coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña. A organización ultima estes días os detalles da mostra, que contará con varios dioramas, un deles de ata 16 metros cadrados.

As escenas trasladarán as persoas visitantes ao Antigo Exipto, ao Vello Oeste, ao planeta Marte ou ao universo de Heidi. En clave histórica e local, un dos dioramas estará dedicado aos castros galegos entre outras temáticas.

A feira abrirá as súas portas este venres 30 de outubro, de 16:30 a 20:00 horas. O sábado 31 poderá visitarse de 10:30 a 20:00 horas, e o domingo 1 de novembro, de 10:00 a 19:00 horas. A entrada será gratuíta durante as tres xornadas.

Desde o Concello de Curtis convidan a asistir tanto á veciñanza de todo o municipio como á da contorna e doutros puntos de Galicia, e tamén agradecen o traballo implicación de PlaymoGalicia, “sen os que isto non sería posible”.

Sorteos e campaña solidaria 

Na entrada, as persoas asistentes recibirán un papel para participar nun xogo que consiste en detectar varios erros agochados nos dioramas. A participación permitirá optar ao sorteo de diferentes premios.

A feira acollerá tamén unha campaña solidaria de recollida das cápsulas plásticas amarelas que envolven os xoguetes dunha coñecida marca de ovos de chocolate, que entrega figuras de Playmobil de xeito promocional. O material recollido destinarase a fins solidarios, polo que se anima o público a achegar estas cápsulas durante a súa visita.

A exposición reunirá miles de figuras e contará tamén con vendedores de Playmobil. Será unha oportunidade para que coleccionistas e afeccionados poidan ampliar as súas coleccións ou atopar pezas especiais. 

Playmobil é unha liña de xoguetes que teñen como base unha figura de 7,5 centímetros de alto, cuns accesorios, vehículos e edificios á mesma escala que permiten recrear todo tipo de escenarios. A súa popularidade deu lugar a asociacións de coleccionistas que organizan exposicións e ferias arredor da marca.

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.