O PRESIDENTE DA DEPUTACIÓN ASINA CO ALCALDE DE CURTIS O CONVENIO PARA PÓR EN MARCHA A SEDE ELECTRÓNICA DO CONCELLO
O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, asinou esta mañá co alcalde de Curtis, Javier Caínzos, o convenio para que o municipio conte nas próximas semanas coa súa sede electrónica a través da plataforma posta en marcha pola institución provincial.
Con esta ferramenta en actividade, os veciños do municipio poderán realizar trámites administrativos desde a súa casa as 24 horas do día e os 365 días do ano.
Esta sede permitirá, por exemplo, consultar o estado dun trámite, obter un volante de empadroamento ou consultar expedientes, e os usuarios só precisarán o DNI electrónico ou un certificado electrónico, de xeito que se manteñen todas as garantías legais, así como as de confidencialidade e de seguridade.
Calvo asegurou durante a firma que "con esta plataforma acadamos dar un servizo aos cidadáns ao que teñen pleno dereito, pero que resulta moi custoso para os concellos e que, grazas á plataforma da Deputación, ofrecerán aos seus veciños a custe cero para as arcas municipais".
Pola súa banda, Caínzos recalcou que "este tipo de medidas supoñen achegarnos ao cidadán e adecuar a nosa administración ás necesidades que teñen hoxe en día, facernos máis próximas e máis áxiles".
