ROBERTO VIDAL BOLAÑO -- LETRAS GALEGAS 2013
Roberto Vidal Bolaño naceu o 31 de xullo de 1950,na cidade de Santiago de Compostela.
Os primeiros anos de vida, cos seus pais Roberto Vidal Ríos e Carmen Bolaño Sánchez e a súa irmá Carmen, pasan no barrio compostelán de Vista Alegre, ao comezo da estrada Santiago-Bergantiños.
Os primeiros estudos realízaos na Escola da Troia e na Academia Ríos, da rúa do Franco e posteriormente, por mor da crise económica familiar, na Escola da Inmaculada, rexentada pola congregación relixiosa de La Salle, onde realiza os estudos de escribente administrativo.
O seu seguinte destino escolar será o vello instituto da praza de Mazarelos e posteriormente o Xelmírez, onde non conseguirá facer a reválida de sexto.
Xa con doce anos comeza a súa vida laboral, concretamente nunha empresa de recambios de automóbiles, Recambios Balsabas. Durante un ano percorre as rúas de Compostela en bicicleta, levando pedidos e facturando paquetes por toda a cidade.
A súa primeira experiencia como protagonista no mundo do teatro prodúcese á idade de quince anos. Daquela Roberto era membro das Xuventudes Obreiras de Acción Católica e recibiu o encargo de facer unha obra que representara a solidariedade da clase obreira e que se estrearía no Día do Aprendiz de 1965.
A obra levaba por título «O xogadeiro» e tiña unha duración de dous minutos. A estrea levouse a cabo no salón de actos do colexio de Placeres, en Marín,
e nun determinado momento, cando dous actores transportaban unha pesada pedra, o escenario afundiu, con gran alegría dos espectadores e o o enfado das monxas que cederan o local. Desta peza, a primeira escrita por Roberto e estreada cando só tiña quince anos, non queda na actualidade ningunha copia.
No ano 1969 comeza os estudos de Graduado Social, xa que a Escola Oficial de Cine fora pechada polas autoridades franquistas e para poder ingresar na Escola de Cinematografía precisaba o Bacharelato Superior, estudos que Roberto non posuía.
Esta estadía obrigada en Santiago permítelle un achegamento ao Equipo LUPA, co que participará na produción de películas asumindo as funcións de axudante de dirección e, nalgún caso, de actor.
Son estes os anos nos que toma contacto co teatro e participa na creación do Grupo Obradoiro, formado, esencialmente, por membros do Equipo LUPA.
Coa incorporación de Roberto ao servizo militar obrigatorio na cidade de Melilla o Grupo Obradoiro queda liquidado, integrándose algúns dos seus membros no grupo Rosalía de Castro, dependente da «Unión de Artesanos» de Santiago.
É a primeiros de 1974, cando un grupo formado por quince persoas deciden dar o paso de crear unha compañía de teatro afeccionado: o Grupo Antroido liderado por Roberto e Xaquín García Marcos e polo que pasarán numerosos actores e actrices non profesionais.
En febreiro de 1974, membros de Antroido reúnense en Compostela con intregrantes doutras formacións teatrais galegas para marcar e fixar o uso do
idioma nas diferentes mostras e certames que comezaban a aparecer por Galicia. Así, acordan que na Mostra de Teatro de Ribadavia, utilizarán o idioma
galego, nas «Jornadas de Vigo», o castelán e no Certame de Teatro de Marín o idioma será o escollido por cada grupo participante.
A primeira obra elixida por Antroido para a súa presentación será «Amor e crime de Juan el Pantera», de Eduardo Blanco Amor, estreada un 12 de marzo
de 1975 nos locais da Aula de Cultura da Caixa de Aforros de Santiago e no que Roberto actúa como protagonista. Con esta obra Antroido fai a súa presentación oficial na Mostra de Teatro de Ribadavia. Os anos seguintes son dedicados por Roberto á montaxe de espectáculos e a creación literaria, conseguindo a publicación pola Editorial Pico Sacro de «Laudamuco, señor de ningures» e «Ledaíñas pola morte do meco».
En 1977, Roberto perde o seu posto de traballo no Banco de Crédito Comercial.
Este feito, tan grave na vida de Vidal Bolaño, vai ser o que facilite a creación do primeiro grupo teatral profesional galego.
Xa lanzados á actividade teatral profesional, a primeira obra que o Antroido profesional pon en escea é «Laudamuco, señor de ningures», estreada o 16
de maio de 1978 no colexio La Salle, de Santiago, cunha asistencia masiva. Con esta obra realizaron xiras por toda España e sempre utilizando o idioma galego.
O total de representacións foi de noventa. A «Laudamuco» sucédenlle dúas novas obras «Entroido na rúa I» e «Entroido na rúa II», que levan ao gupo a percorrer as rúas de Compostela e O Grove, nun espectáculo cheo de música e danza. A obra «Xáxara, Peituda, Paniogas, Tarelo, o Rapaz e o Cachamón ou como trocar en rato pequecho ao meirande xigantón», da autoría do propio Roberto Vidal é estreada por Antroido na Mostra de Ribadavia o 6 de abril de 1979, pero recolle críticas moi negativas polo que Roberto se decide a facer unha segunda versión coa que se presenta na Coruña e onde recibe críticas moi favorables. A este seguíronlle outros espectáculos de monicreques: «Ruada das papas e o unto», «Touporroutou da lúa e o sol» e «Romance dos figos de ouro». «Ruada» será estreada nas Pontes o 3 de xullo de 1981 e levará unha mención no concurso de Teatro Infantil do Facho. «Touporroutou» será estreada o ano seguinte como un espectáculo concebido para monicreques pequenos de cachiporra, coas voces gravadas e con dous ou catro actores para manipular e pór en marcha toda a representación.
En 1983 Antroido adapta diferentes textos de Xosé Luís Méndez Ferrín baixo o título de «Percival». Por esta montaxe recibirá o premio «Medalla de Oro Ciudad de Valladolid» e o espectáculo percorrerá numerosas cidades españolas e festivais internacionais.
Coa creación do Centro Dramático Galego, en 1984, dáse un novo pulo ao noso teatro profesional. A Roberto Vidal correspóndelle a honra de ser o primeiro autor galego ao que o CDG representa e ao que lle encarga dirixir a súa propia obra.
O 2 de outubro de 1984, no Teatro García Barbón de Vigo, estrease «Agasallo de Sombras», con quince actores en escea e co que se realizan vinte e sete funcións. A obra era un espectáculo sobre a vida e obra de Rosalía de Castro pensado, nun principio, para o Grupo Antroido. Ao ano seguinte e cando se contaba con Roberto para traballar nunha nova montaxe do CDG, xorde o veto da Xunta de Galicia á súa participación no novo espectáculo. O motivo non é outro que unhas declaracións nas que se criticaba a política teatral da Consellería de Cultura, dirixida daquela por Manuel Vázquez Portomeñe.
Deste veto saírá unha nova obra teatral: «Caprice des dieux-Antollo de deuses» na que ataca ao conselleiro Portomeñe, pero tamén ao resto dos profesionais do teatro galego, ao sentir que non o apoian dabondo no seu enfrontamento coa Xunta. A obra é un monólogo no que pasa revista ás personalidades relacionadas co mundo do teatro, que son facilmente identificables polos seus alcumes e mesmo polo seus propios nomes.
Este novo espectáculo supón todo un record de funcións e nela aparece unha das iconas que permitirá identificar a Vidal Bolaño no futuro: o nariz vermello de pallaso, que pasa directamente dun boneco á súa cara. Son os últimos pasos do Grupo Antroido. A Consellería de Educación e Cultura denégalle unha subvención para un novo espectáculo, ao tempo que se lle concede outra pero a cambio de modificar sustancialmente a súa proposta escénica. Roberto ve nesta actuación un agravio e renuncia á subvención.
Durante este parón de Antroido, Roberto entra en contacto co mundo audiovisual, facendo videos publicitarios, traballando na dobraxe como actor e director e participando en películas como «Sempre Xonxa», «Los pazos de Ulloa» e «Brigada Central».
En 1991 reaparece como autor cun novo texto teatral «Saxo Tenor», co que acada o Premio Álvaro Cunqueiro, e como actor e iluminador na obra «A
casa dos afogados», que dirixe Manuel Lourenzo.
A estrea de «Saxo Tenor» vai ser protagonizada polo seu novo grupo, Teatro do
Aquí. Por esta obra recibe Vidal Bolaño o Premio Compostela á mellor escenografía e ao mellor texto, galardón que repite un ano despois con «Días», que recibirá o premio ao mellor texto orixinal. Esta obra fora estreada en Muros, na súa Casa da Cultura, en agosto de 1993 e contaba con Roberto como actor. Nos anos seguintes Teatro do Aquí pon en escea «O desengano do prioiro», de Otero Pedrayo; «Oé, oé, oé! Comedia grosa para un país de sainete» de Maxi Rodríguez; «A ópera do patacón» e «Anxeliños», de Roberto Vidal, co que obterá tres galardóns dos Premios María Casares: mellor texto, mellor actor secundario e mellor espectáculo do ano; «Rastros», estreada en Vilagarcía en 1998 e que levará o premio do xurado ao Mellor Espectáculo da Feira de Teatro de Huesca e o Premio María Casares ao mellor texto e á mellor actriz principal; «Doentes», estreada no Teatro Colón da Coruña en outubro dese mesmo ano e co que percorren numerosas localidades agrupadas nos Circuítos Culturais, sendo premiados na terceira edición dos Premios María Casares
A obra de dúas horas de duración conta a historia de dous pacientes que durante un par de días deambulan por Compostela ao ser pechado o Hospital
Real e non estar rematadas as novas instalacións hospitalarias. Roberto utiliza oito actores para dar vida a máis de cincuenta personaxes.
«Sen ir máis lonxe», o seu seguinte espectáculo, estreado en abril de 1999 no Teatro Principal, é un monólogo dun vello pallaso, interpretado polo propio Vidal Bolaño.
Este mesmo ano é o da estrea e publicación, polo CDG e o IGAEM, da súa obra «A burla do galo», onde se recrea o mito de don Xoán ao que Vidal Bolaño transforma en galo e obriga a viaxar dende Portugal a Galicia para pedirlle axuda ao Apóstolo Santiago.
Á parte do seu traballo co Centro Dramático Galego coa posta en escea das obras «Mar Revolto» e «Rosalía», segue traballando co Teatro de Aquí, estreando «Os papalagui», na que participa como actor, director e iluminador;
recibindo os Premios Maruxa Villanueva e María Casares, pola súa interpretación.
Nesta época, Roberto xa se atopaba mal, e este foi último espectáculo no que participou como actor, chegando a valerse dunha cadeira de rodas e dun caxato. Pero a súa adicación ao teatro non se interrompe, participando como iluminador e escritor na obra «Mar revolto», baseada no feito real do secuestro do transatlántico portugués Santa María a mans dun comando do Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación, dirixido polo capitán Henrique Galvão, e co obxectivo de denuciar as ditaduras portuguesa e española. A obra fora un encargo do Cento Dramático Galego e outras tres compañías teatrais do norte de Portugal para afianzar lazos entre os dous países. A obra estréase no teatro de Campo Alegre de Oporto, o 9 de xuño de 2001 .
O seu seguinte espectáculo, «Rosalía», tamén será producido polo Centro Dramático Galego. A obra, da autoría de Otero Pedrayo é adaptada por Vidal Bolaño que a reduce, das cinco horas que ben podía levar o texto orixinal, a unha hora e corenta e cinco minutos e o cento de persoaxes da peza inicial consegue deixalos só en dezaoito.
Estréase o 19 de outubro no Salón Teatro de Compostela levando Roberto a responsabilidade da dirección e da iluminación. «Rosalía» é a obra dirixida por
Roberto para o Centro Dramático que máis éxito de público tivo, máis de sete
mil espectadores, chegando ás cincuenta representacións.
A última obra de Roberto Vidal levada a escea polo Teatro de Aquí será «Animaliños» Esta nova proposta teatral de Roberto acadará catro Premios María Casares: texto, iluminación, dirección e espectáculo.
Á volta a Galicia ingresa no Hospital Clínico Universitario de Compostela ao empeorar do cancro de pulmón que lle diagnosticaran dous anos antes, falecendo na madrugada do 11 de setembro. Sobre a súa caixa figurarán os símbolos que definiron a Roberto, o chapeu, que comezara a usar como homenaxe á falecida actriz Cruz Comesaña, e o nariz de pallaso.