O Concello de Curtis dá un paso adiante no reforzo da seguridade das festas de Teixeiro

O Concello de Curtis dá un paso adiante na seguridade das festas que se van desenvolver no municipio. Co obxectivo de manter informados e preservar o benestar de todos os veciños e veciñas, así como persoas visitantes, procedeuse á instalación, na fachada do Consistorio, en Teixeiro, un gran panel informativo no que se pode consultar a Memoria Técnica de Seguridade realizada por unha empresa experta neste eido.
No panel pódese apreciar a delimitación dos espazos exactos nos que se permite a instalación de atraccións de feira e barracas. Do mesmo xeito, tamén se contemplan as vías de evacuación que deben quedar sempre libres para o paso de vehículos de urxencias como ambulancias, servizos de emerxencia, etc.
Este plan estará activo en dous escenarios clave: durante o desenvolvemento da festa, mentres se levan a cabo os espectáculos musicais na Praza de España, e nos períodos de descansos entre sesións ao longo do día, onde non hai actividade musical pero as atraccións de feira manteñen a súa posición nas rúas.
Desde o Concello destacan que “os cambios organizativos requiren un tempo de adaptación, pero abrir camiños á seguridade é innegociable. Con este novo deseño do espazo urbano garantimos que a resposta sexa inmediata ante calquera incidente, sen perder nin un chisco da ledicia que caracteriza estas festas”.
Na mesma liña, animan á veciñanza a “consultar o panel e toda a información que contén para, entre todos, desfrutar dunhas festas con sentidiño”.
