EXAME BANER HORIZONTAL

O conselleiro de Presidencia visita a renovación da Casa Indiana de Curtis, que acollerá servizos e actividades municipais tras un investimento de 785.000 euros

diego calvo visita curtis 0002 1

O Concello de Curtis recibiu este martes a visita do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto. Xunto co alcalde de Curtis, Javier Caínzos, visitaron a rehabilitación da Casa Indiana de Curtis, un inmoble renovado con financiamento do Fondo da Xunta de Galicia. 

A vivenda obxecto da actuación é unha casa indiana localizada na rúa Mestre Eduardo Fariña (fronte á Carballeira) que se destinará a diversos servizos públicos. En concreto, albergará oficinas de atención ao cidadán, servizos sociais, emprego ou formación, e tamén acollerá actividades municipais.

A intervención está practicamente finalizada, a falta de culminar as conexións de auga e electricidade e de incorporar o mobiliario. O Concello adquirira esta vivenda, que inclúe unha parcela de 16.000 metros cadrados, para dotar de maiores espazos públicos á localidade de Curtis e así satisfacer a elevada demanda de servizos e actividades dos seus veciños e veciñas.

diego calvo visita curtis 0001

En total, o investimento da reforma ascendeu a uns 785.000 euros, un orzamento que inclúe a recuperación dun inmoble de interese histórico e a súa recuperación para os habitantes de Curtis. Ademais do propio edificio, abrirase unha ampla zona verde con equipamentos deportivos de 11.000 metros cadrados, quedando unha parcela restante de 5.000 metros cadrados que se destinará a infraestruturas de uso social.

O conselleiro destacou a aportación da Consellería de Presidencia, que colaborou con 48.000 euros a través dun convenio. Con este orzamento instalouse un sistema centralizado de calefacción, o que permitirá prestar os servizos municipais "nas mellores condicións tanto para o persoal como para as persoas usuarias", destacou Calvo.

Pola súa parte, o alcalde agradeceu "a colaboración e implicación do Goberno galego" cos proxectos do Concello de Curtis, e subliñou "a importancia que terá a Casa Indiana, posto que se converterá nun punto de referencia para o pobo de Curtis, onde se poderán facer trámites administrativos e organizar todo tipo de xestións e actividades".

REPINTADO DOS PAVILLÓNS E COLABORACIÓN EN FISTEUS

A visita tamén incluíu outras paradas, como o polideportivo de Curtis, onde Calvo e Caínzos comprobaron os resultados do repintado das pistas. Neste caso, o investimento foi duns 50.000 euros, dos que a Xunta aportou o 70% e o Concello, o 30%. Así mesmo, acudiron ao local da asociación veciñal de Santa María de Fisteus, que mercou unha bomba de calor, electrodomésticos e diversos equipamentos grazas a unha axuda da Xunta de 5.000 euros.

Por último, o conselleiro e o alcalde acudiron á feira de Curtis, un mercado emblemático que se celebra os días 9 e 23 de cada mes. No mercado puideron conversar coa veciñanza e degustar unha tapa de polbo.

diego calvo visita curtis 0010

O Concello de Curtis culmina o trámite de derruba dunha edificación en ruínas no Igrexario, na parroquia de Fisteus

derruba vivenda

O Concello de Curtis dá un novo paso na loita contra o feísmo e culmina o trámite de derruba dunha edificación en ruínas no lugar do Igrexario, na parroquia de Fisteus. Trala resolución municipal, o propietario procedeu á demolición do inmoble, emprazado nas inmediacións da igrexa de Fisteus e da vía pública, o que supuña un risco para a seguridade dos viandantes.

Coa execución dos traballos púxose fin a un proceso de tramitación administrativa iniciado en maio de 2023 e que culminou cunha aplicación garantista da Lei do Solo de Galicia. Os informes técnicos elaborados polos servizos municipais e da Deputación remataron concluíndo a declaración de ruína total do inmoble.

vivenda en ruinas fisteus

Estes documentos acabaron determinando que a edificación non presenta valores representativos da arquitectura popular galega, e que levaba como mínimo 19 anos sen reunir as condicións básicas para un inmoble das súas características. A cuberta xa presentaba zonas colapsadas en 2005, segundo a información recabada durante o procedemento.

O Concello de Curtis ten abertos catro expedientes de declaración de ruína en diferentes puntos do termo municipal. De acordo coa Lei do Solo de Galicia, corresponde ás persoas propietarias o deber de manter os inmobles e solares en adecuadas condicións de conservación, seguridade e salubridade.

Con este tipo de actuacións, o Concello reforza o seu compromiso pola mellora da imaxe do municipio, a seguridade da cidadanía e a protección dos espazos públicos e do patrimonio colectivo, fronte ao deterioro derivado do abandono de inmobles. Neste sentido, os trámites desenvólvense garantindo sempre tanto os dereitos do propietario como a rigorosa aplicación da lei.

En la web www.curtis.gal, www.curtis.es y www.concellodecurtis.org utilizamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso y nuestra política de protección de datos. Mas información.