O Concello de Curtis aproba solicitar axudas ante os danos da saraibada, estimados en máis de 700.000 euros

O Pleno do Concello de Curtis aprobou na sesión deste venres, por unanimidade, unha proposta para solicitar axudas ás diferentes administracións co obxectivo de paliar os danos ocasionados pola recente saraibada no municipio. O goberno local someteu a votación unha petición de declaración de zona afectada por emerxencia de protección civil e articulación de axudas estatais.
En total, o Concello rexistrou 175 solicitudes relacionadas cos danos do temporal, das cales 136 inclúen afeccións en vivendas. Recolléronse a través dunha ventá única que tiña como obxectivo recompilar as estimacións de danos dos veciños e veciñas. Do conxunto, 155 corresponden a particulares, 6 a empresas, 6 a comunidades de propietarios e 4 a explotacións gandeiras.
Os desperfectos concentráronse principalmente en cubertas e canalóns, e afectaron a vivendas, edificios, naves, almacéns e explotacións gandeiras. Sumando os danos en inmobles municipais, a estimación dos danos rolda os 700.000 euros.
Agora, o Concello dará traslado ao Ministerio de Interior para iniciar os trámites, que deberán ser aprobados polo Consello de Ministros, e que de frutificar permitirían aos afectados solicitar as axudas. O acordo tamén pide colaboración á Deputación e á Xunta para maximizar as posibles vías de financiamento.
Modificación do plan urbanístico en Curtis
Por outro lado, tamén se deu visto bo á modificación puntual número 10 do plan urbanístico, que supón un cambio na catalogación dos ámbitos de planeamento APE-11 e APE-12, no núcleo urbano de Curtis. Clasificados na actualidade como solo urbano non consolidado, pasarán a considerarse consolidado, á espera da luz verde definitiva da Xunta. As parcelas incluídas nestes dous ámbitos contan xa con acceso rodado público e cos servizos urbanísticos necesarios, ademais de estaren integradas na malla urbana, polo que cumpren os requisitos para esta clasificación.
O ámbito APE-11 abrangue cinco parcelas catastrais cunha superficie conxunta de 6.700 metros cadrados, mentres que o APE-12 inclúe 16 parcelas cunha superficie total de 22.071 metros cadrados. Neste último, o Concello adquiriu a maior parte do ámbito, xerando unha parcela de 15.775 metros cadrados. Deles, uns 5.000 reservaríanse para dotación social, mentres que nos restantes atópanse a Casa Indiana (recentemente renovada como edificio público) e unha zona verde.
O acordo contou cos votos a favor do PP e a abstención do BNG.
Festivos locais e POS+ Adicional
A sesión abordou tamén outras cuestións, como a proposta de festivos locais para 2027. A corporación acordou establecer como días de descanso o Martes de Entroido (9 de febreiro) e o día da Nosa Señora dos Remedios (8 de setembro), cos votos a favor do PP e a abstención do BNG.
Así mesmo, aprobouse a segunda fase do POS+ Adicional 2026, que abrigará dous proxectos de rehabilitación de firmes por preto de 450.000 euros. Dentro de ámbolos dous contratos incluiranse traballos nas vías entre Alvite e Piñeiro, Eirixe-A Casanova, Igresario-Río dos Muíños, A Fraga-Cruce Mirás, Pardiñeiras-Baldarís, A Devesela-Rabuñas, As Mingueiras-Cabana, O Apeadoiro e o acceso a Samel. Son estradas que precisan unha intervención tralos danos causados pola meteoroloxía durante o inverno. Foi aprobado por unanimidade.
Por último, o pleno do Concello de Curtis aprobou a Conta Xeral de 2025, e adoptouse unha moción para apoiar a actualización do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega e instar ás forzas do Parlamento a retomar o diálogo sobre esta cuestión, ámbalas dúas cos votos a favor do PP e en contra do BNG.

