O Concello denuncia ataques vandálicos na zona educativa de Curtis

O Concello de Curtis denunciou novos ataques vandálicos a bens públicos este mércores ante a Garda Civil. Neste caso, o albo foi o CEIP de Curtis e o Centro de Ocio Infantil, espazos cuxo mantemento corresponde ao goberno municipal e que sufriron roturas de cristais e pintadas.
Este novo ataque á propiedade pública suporá, segundo as primeiras estimacións, un gasto adicional de máis de 1.000 euros para as arcas municipais. Cada ano, reparar os desperfectos ocasionados polo vandalismo no municipio supón un desembolso de 30.000 euros que deben asumir todos os veciños e veciñas coas súas contribucións.
O alcalde do Concello de Curtis, Javier Caínzos, lamentou os feitos e sinalou que o goberno municipal “estará atento e vixiante para defender o patrimonio público, porque estamos falando de bens e inmobles que pertencen a todos os cidadáns”.
Neste sentido, instou á “responsabilidade” e ao coidado da vía pública e os inmobles municipais, lembrando que “os únicos afectados polo vandalismo somos todos os veciños e veciñas a través do Concello”.
Hai menos dun mes, o Concello de Curtis tamén formalizou unha denuncia tras detectarse pintadas en distintos puntos do termo municipal. Os grafitis afectaran ao Recinto Feiral de Curtis ou ao paso inferior da vía en Teixeiro.

